O Sacra Festival, que organiza Sacra Experience e co que colabora a Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) dentro da súa programación expandida, celebrarase no Museo Pazo de Tor o venres, 14 de xullo, a partir das 19:00h
O Museo Pazo de Tor, pertencente á RMPL, acolle neste mes de xullo unha variada programación gratuíta e para todos os públicos. Comezarase o día 14 de xullo acollendo unha nova edición do Sacra Festival.
Sacra Festival é un festival que propón unha conexión entre a arte, a natureza e a música nunha contorna privilexiada. Cada ano elíxense diferentes espazos singulares da Ribeira Sacra para realizar a programación, nesta ocasión será o Museo Pazo de Tor.
Nos xardíns do Museo Pazo de Tor actuarán a partir das 19:30 Compañía 5S, CRNDS, Allova e Sila Lúa, que comezará a tocar ao redor das 23:00. A entrada é libre e o acceso gratuíto ata completar o aforo. Pensado especialmente para a mocidade, o Sacra Festival quere ser un encontro sostible, polo que os espazos terán aforos limitados.
A área de cultura da Deputación Provincial de Lugo a través da RMPL colabora con esta actividade que forma parte da programación expandida da RMPL nos distintos museos que xestiona (Museo Provincial de Lugo, Museo Provincial do Mar de San Cibrao, o Museo Fortaleza de San Paio de Narla en Friol e o Museo Pazo de Tor en Monforte de Lemos), a Rede Museística Provincial abre así os seus museos a iniciativas culturais que nacen do territorio. Este tipo de actividades complétase coa programación que os museos acollen durante estes meses de verán.
concertacionsrmp@gmail.com
Máis aló destas actividades o Museo Pazo de Tor é un espazo expositivo permanente que pode ser visitado durante todo o ano, de martes a domingo. As visitas son sempre guiadas e gratuítas ás 11:00, 12:30, 16:30 e 18:00, sendo necesaria reserva previa a través do teléfono 982 16 55 34. O Museo Pazo de Tor traslada ao visitante ao modo de vida nobreza galega, pero o Museo medra cada día con novos espazos como Soterradas, a Casa da Soga e a Vida tralos Labirintos Mentais.