Inés Rey subliña o compromiso do Goberno municipal cos proxectos de desenvolvemento futuro de Resonac

por Redacción A Coruña

A alcaldesa e o concelleiro de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, reuníronse esta mañá co equipo directivo do grupo empresarial, que conta con instalacións industriais no polígono de Agrela

A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, reuníronse esta mañá co equipo directivo do grupo empresarial Resonac Graphite Spain, con instalacións no polígono de Agrela.

No contexto desta visita, Rey e Lage coñeceron de primeira man os plans de expansión da compañía, así como o traballo que se está a desenvolver no recinto industrial, onde traballan algo máis de 180 persoas e está instalada unha planta de produción de electrodos de grafito.

A alcaldesa recalcou «o compromiso e vontade de colaboración do Goberno municipal con Resonac, para continuar avanzando cara a proxectos de desenvolvemento caracterizados pola súa sostibilidade e seguridade», e destacou «a solidez dun proxecto industrial de futuro e progreso para A Coruña». «Estamos convencidos de que as futuras iniciativas xerarán máis postos de traballo na cidade, estables e de calidade», agregou Inés Rey.

A este respecto, a alcaldesa lembrou que a Xunta de Goberno Local xa aprobou, a mediados de outubro de 2022, a concesión de licenza a Resonac Graphite Spain para executar as obras de instalación dun forno de recocción de electrodos na parcela que ocupa o grupo industrial nas inmediacións da estrada de Baños de Arteixo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario