O Concello de Noia vén de adxudicar as obras de renovación da ponte peonil de madeira que comunica a Rúa Espírito Santo co barrio de San Lázaro, unha infraestrutura moi utilizada pola veciñanza e que será renovada por completo nas próximas semanas.
A actuación permitirá substituír integramente o pavimento de madeira, que presentaba un avanzado estado de deterioro como consecuencia do paso do tempo, do uso continuado e da falta de mantemento, unha situación que facía necesaria unha intervención para garantir a seguridade das persoas usuarias e prolongar a vida útil da ponte.
Os traballos consistirán na retirada das táboas existentes e na instalación dun novo pavimento de madeira tratada en autoclave, un material especialmente preparado para resistir a humidade e as condicións climatolóxicas, mellorando a durabilidade da infraestrutura e reducindo as futuras necesidades de mantemento.
As obras comezarán nos vindeiros días e, durante a súa execución, a ponte permanecerá pechada ao tránsito peonil. O Concello instalará a correspondente sinalización e agradece de antemán a comprensión da veciñanza polas molestias temporais que esta actuación poida ocasionar.
O concelleiro de Obras, Manolo Seijas, destacou que «esta era unha actuación moi necesaria. Trátase dunha ponte pola que pasan diariamente moitos veciños e veciñas, e o estado no que se atopaba facía imprescindible acometer esta renovación para que poida seguir prestando servizo con todas as garantías.»
Pola súa banda, o alcalde de Noia, Fran Pérez, sinalou que «o mantemento das infraestruturas municipais tamén consiste en actuar antes de que os problemas sexan maiores. Esta ponte é unha conexión moi importante entre dous barrios da vila e queriamos ofrecer á veciñanza unha infraestrutura máis segura, máis duradeira e preparada para os próximos anos.»
A actuación foi adxudicada ao profesional noiés Antonio López, por un importe de 10.874,27 euros, reforzando tamén a aposta do Concello por contar, sempre que é posible, con empresas e profesionais do municipio.
Esta intervención enmárcase no plan municipal de conservación e mellora das infraestruturas públicas, co obxectivo de seguir recuperando espazos de uso cotián e garantir que se atopen nas mellores condicións de seguridade e accesibilidade.