Sumar Galicia quere que os empastes ou as endodoncias sexan cubertas pola sanidade pública

por Redacción Galicia

Verónica Martínez Barbero propón a incorporación á sanidad pública da saúde bucodental, a nutrición, a saúde óptica ou fisioterapia

Sumar Galicia presentou este xoves as súas propostas para a sanidade, destinadas a ter «máis e mellores servizos públicos de saúde» para as galegas e galegos.

«Sabemos que a nosa atención primaria está nunha situación límite, as nosas médicas e médicos atenden ao día entre 50 e 60 pacientes», dixo este xoves Verónica Martínez Barbero, candidata número 1 de Sumar ao Congreso por Pontevedra, en declaracións dende o centro de saúde do Val Miñor.

«Por outra banda, un empaste dun molar custa entre 40 e 80 euros e o prezo dunha endodoncia pode chegar aos 300 euros».

«Non é dificil entender, con estes números que 180.000 galegas e galegos renuncien ao ano á atención dental que necesitan por dificultades económicas, segundo a última Enquisa de Saúde elaborada polo Instituto Nacional de Estadística», engadiu a candidata.

Por isto, a saúde bucodental ocupa un lugar importante no programa de sanidade de Sumar, que esbozou Martínez Barbero na súa declaración.

«En primeiro lugar, aprobaremos un Plan de choque para reforzar a atención primaria, que suporá financiamento directo para que as comunidades autónomas poidan aumentar persoal, mellorar a infraestrutura e mercar material médico».

«Imos incorporar novos servizos públicos, como saúde bucodental, a nutrición, a saúde óptica ou fisioterapia», destacou a candidata. «Con Sumar ningunha galega ou galego terá que deixar de ir ao dentista porque non o pode pagar».

«En Sumar Galicia queremos devolver á saúde pública a grandeza que nunca debería ter perdido. Volvamos a sentirnos orgullosas da nosa capacidade para coidarnos mutuamente, vivir nun país san e xusto grazas a unha saúde pública de última xeración, xestionada con equidade e eficiencia e que sexa capaz de reducir as desigualdades».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario