O Grupo Municipal Popular de Burela advirte que “os concelleiros do PSOE tratan de constituírse como grupo municipal a pesar de presentar a documentación fóra de prazo e, polo tanto, vulnerando a lei”. Isto demostra, para os populares, “unha falta de rigor e preocupación por parte do principal partido do bipartito” e, polo tanto, amosan a súa preocupación “polo que nos espera deste mandato con temas serios para os veciños e veciñas de Burela se cometen estes fallos en trámite tan sinxelos”.
Atendendo ao Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais; hai un prazo de 5 días despois de ser constituída a Corporación local para constituírse como grupo municipal; pero os socialistas tardaron 20. Polo tanto, “deberan integrarse no grupo mixto, algo lamentable para calquera grupo que lidere un goberno local”, apuntan.
Esta situación que “nunca pasara na historia do noso Concello” podía ser só anecdótica, senón fora porque “a alcaldesa tratou de colar o asunto no pasado pleno de organización ao non aportar a tódolos concelleiros a debida documentación”. De feito, este foi o motivo polo que quedou enriba da mesa este punto e que obrigou a convocar este novo pleno extraordinario.
Os populares cren que o goberno bipartito “debería ser o primeiro en dar exemplo cumprindo a lei” e consideran que este é “un mal comezo de mandato. Esta sería a terceira vez que a señora López Moreno trata, presuntamente, de vulnerar a regulamentación establecida dende que é alcaldesa”: ao non permitir ao Grupo Municipal Popular ocupar o lugar que lle corresponde no salón de plenos segundo o regulamento, por non aportar a documentación necesaria sobre un punto da orde do día do pleno de organización e, agora, intentando que os concelleiros do PSOE se integren no grupo municipal socialista, a pesar de non cumprir os prazos establecidos por lei”.
O PP de Burela lamenta tamén que “o tenente de alcalde, do BNG, non fixera ningunha valoración sobre o asunto, pero si se dedicara a atacar á oposición con asuntos que nada teñen que ver con Burela”.