O secretario xeral do PSdeG realiza un viaxe en tren dende a Santiago ata A Coruña para reivindicar os abonos gratuítos aprobados polo executivo socialista
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apelou este luns á mobilización dos indecisos de cara á última semana de campaña. Alertoulles de que “o que nos xogamos” nestas eleccións é ter un “goberno sensible” que defenda as pensións, os dereitos laborais ou impulse as bolsas para o estudantado, fronte a un que ameace todo isto.
O líder do PSdeG realizou esta mañá o traxecto en tren dende Santiago de Compostela ata A Coruña para reivindicar os abonos de balde aprobados polo goberno de España para paliar os efectos da inflación. Estivo acompañado polo cabeza de lista Senado na provincia, Xosé Sánchez Bugallo, ou o secretario provincial, Bernardo Fernández, entre outros representantes do partido.
Para Formoso, esta medida é un exemplo do “goberno sensible” que houbo os últimos cinco anos en España, que empregou os recursos públicos en paliar as dificultades que sufriu a poboación por culpa do aumento desmesurado dos prezos.
Nesta liña, puxo en valor as rebaixas aos combustibles e as axudas a pescadores, agricultores ou transportistas galegos no peor da pandemia e da crise de prezos, así como a suba das pensións, o salario mínimo ou a rebaixa das facturas da luz mediante a excepción ibérica. Confrontou este modelo co dunha Xunta de Galicia que non empregou “nin un só céntimo” do recadado en axudar á cidadanía fronte a inflación.
Por todo isto, pediu á cidadanía que “reflexione” sobre se quere “un país con solidariedade e xenerosidade ou un onde cada un se salve como poida”. Para Formoso xogámonos as pensións públicas, a reforma laboral ou as bolsas para o estudantado. Apela á responsabilidade “de todos e de todas” xa que “vale o mesmo o voto do presidente do goberno que de calquera cidadán deste país” e as enquisas amosan que “está todo aberto”.
Zapatero e Sánchez en Galicia
O secretario xeral do PSdeG deu a benvida a dous presidentes que visitarán esta semana Galicia, como son Zapatero, que estará este martes na Coruña, e un Pedro Sánchez que visitará Lugo o xoves. Destacou de ambos que “teñen a súa vida adicada a que ninguén quede tirado” e que “xóganse todo por intentar avanzar socialmente”.
Comparou a Sánchez cos “grandes de deportistas” os cales, despois dun gran esforzo e acadar un gran éxito, son deixados de lado pola opinión pública á primeira de cambio. Por iso, recordou que “o deu todo nos momentos máis difíciles”, impulsando os ERTEs para 4 millóns de traballadores ou co Estado de Alarma e tramitación das vacinas, indo a contracorrente e recibindo moita oposición dende o negacionismo e dende o PP, mesmo polo propio Feijóo na Xunta, alegou.
Fronte a isto, insiste en que xa se comprobou que Feijóo “non é o moderado que pintaban aquí en Galicia”, senón que é “a dereita máis reaccionaria”, dando a primeira orde como presidente do PP de “votar contra penalizar o acoso ás mulleres nas clínicas abortivas” e que foi quen de votar en contra da revalorización das pensións a 770.000 galegos.