Recortes Cero fixo público un comunicado no que denuncia “que se oculte na campaña que xa están asinados e van volver os recortes”
No día de hoxe, Recortes Cero está a difundir na súa posición ante as negociacións que se están producindo no Eurogrupo e “que teñen por obxectivo fixar o grao e a forma deses recortes, pero o que xa está asinado e parecen aceptar as principais candidaturas é que volvemos ao camiño de austeridade de antes da pandemia”.
Segundo Recortes Cero, na proposta enviada polo Goberno a Bruxelas xa se inclúe un menor investimento en varios capítulos, o que significa que “os recortes xa empezaron”. Desta maneira denuncian que o que se chama ”a volta ao rigor fiscal” ou “o límite á débeda e o déficit público” non é máis que unha forma de suavizar o que van ser recortes sociais e nas condicións de vida da maioría da poboación, “tanto traballadores como autónomos e pemes”.
Ao mesmo tempo, Recortes Cero advirte de que isto significa tamén maior control, “ou o que é o mesmo, que quen se salga dos límites marcados ou non aplique os recortes recibirá a visita dos homes de negro, o que supón unha flagrante vulneración da autonomía do país, máis cando se trata de meter a tesoira na Sanidade”.
A cabeza de lista, Nuria Suárez, sinalou que cando a vicepresidenta Nadia Calviño fala de rebaixar a débeda subindo os ingresos é “un brinde ao sol” porque “sen redistribuír a riqueza non é posible reducir o déficit, de feito, non é posible crear nova riqueza para saír desta situación con máis emprego, mellores salarios e pensións e máis gasto social”. Segundo Nuria Suárez, “para crecer sen endebedarse hai que redistribuír a riqueza, empezando por recuperar o rescate bancario que son 75 mil millóns de euros”.
Recortes Cero denuncia que todas as candidaturas dan por asumido “o marco de recortes que se impón e que se basea en que os enormes beneficios que lles caeron do ceo a bancos e monopolios á conta dos nosos salarios non se poden tocar”.
Dentro do seu programa, Recortes Cero inclúe unha reforma fiscal para que bancos e monopolios paguen o 50% do Imposto de Sociedades, as grandes fortunas un 75% do IRPF e Impleméntese un novo imposto aos Beneficios Extraordinarios.
“Non se trata só de reducir á metade os impostos das pemes, ou subir as pensións ata igualalas co SMI, cousas que se poderían facer con esta reforma, senón que se trata de compensar as subidas de tipos que vimos sufrindo e que o BCE vai volver a cometer”, conclúe o comunicado.