Tui consolídase coma un dos primeiros puntos de inicio do Camiño de Santiago

por Redacción Pontevedra

No que vai de ano máis de 13 mil persoas saíron da cidade cara Compostela

A cidade de Tui consolida o seu papel protagonista no Camiño de Santiago neste ano 2023. Segundo os datos aportados polo Centro Internacional de Acollida ao Peregrino da Catedral de Santiago ata o pasado 15 de xullo as rutas xacobeas acolleron a un total de 205.950 peregrinos. Os camiños portugueses foron realizados por 66.531 peregrinos, dos que 43.444 optaron polo Camiño Portugués e 23.087 polo Camiño Portugués da Costa. O maior número de peregrinos e peregrinas no que vai ano, 102.333 persoas, practicamente a metade do total, realizaron o Camiño Francés.

Tui consolídase como un dos catro primeiros lugares elixido polos peregrinos e peregrinas para iniciar o Camiño de Santiago á tumba do apóstolo en Compostela. En concreto, ata o pasado 15 de xullo, comezaron en Tui a peregrinación un total 13.254 persoas (6,75 % do total dos peregrinos), unicamente superada por Sarria (58.375), Porto (15.698) e St. Jean Pied de Port (15.641).

Cabe sinalar que a cidade irmá de Valença contou, neste mesmo período, con 7.122 peregrinos que iniciaron o seu percurso a Compostela. Se sumamos o número de persoas que parten da Eurocidade Tui – Valença, son un total de 20.676 peregrinos e peregrinas as que elixiron as marxes do río Miño para iniciar o Camiño de Santiago. Deste xeito a Eurocidade ocuparía o segundo lugar de inicio da peregrinación, unicamente superados por Sarria no Camiño Francés.

Para a concelleira de Turismo, Ana María Álvarez Núñez, este datos evidencian como neste ano 2023, superados os anos xubilares, a dinámica de crecemento e consolidación do Camiño Portugués mantense cunha notable afluencia de peregrinos sobre todo de carácter internacional, con persoas chegadas dende os cinco continentes que elixen a nosa cidade para iniciar o Camiño de Santiago.

O Camiño Portugués e o Caminho Portugués da Costa que teñen a súa entrada en Galicia a través de Valença e Tui posúe un alto valor histórico e patrimonial que ten na Catedral de Tui e nos conxuntos históricos de Tui e Valença dúas referencias patrimoniais e turísticas de grande entidade que atraen a un elevado número de peregrinos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario