O PSOE de Pontevedra acusa á Xunta de privatizar a Residencia dá Eiriña para facer «negocio»

O PSdeG vén de solicitarlle ao Goberno da Xunta en comisión parlamentaria que reverta o proceso de licitación para adxudicar a xestión da nova residencia de maiores financiada e construída pola Fundación Amancio Ortega no barrio pontevedrés da Eiriña. Esta demanda, promovida pola deputada Paloma Castro, pretende frear a «indecente e inaceptable decisión» da Xunta de abrir o procedemento de adxudicación do contrato non só a entidades sen ánimo de lucro (como aconteceu cos centros xa adxudicados en Lugo e Santiago), senón tamén á participación de empresas privadas.

Unha decisión que, como denuncian os socialistas de Pontevedra, motivou un esperable e notable incremento do abano de candidatos «interesados no goloso caramelo da asistencia aos maiores (as cifras publicadas falan de 12 empresas presentadas, a meirande parte delas con ánimo de lucro)». «Non logramos entender -asegura Paloma Castro- as características dun contrato de servizos que ascende a 6,3 millóns de euros e que, alén de externalizar a xestión ou apostar unicamente por entidades sen ánimo de lucro, decide abrirse a empresas privadas, nun intento de converter a xestión da Residencia de Maiores da Eiriña nun negocio lucrativo».

Tal e como subliña Castro, «a vellez non pode ser un mercado, as residencias de maiores non poden converterse en liñas de produción e as persoas maiores tratarse como contas de custes e ingresos». «O PP de Rueda non aprende ou non quere aprender e segue a defender un modelo privado que, como todos puidemos comprobar, deshumaniza os coidados, prioriza a produtividade sobre o trato humano e afecta á autonomía e a dignidade dos residentes», critica a parlamentaria do PSOE.

Unha ‘filosofía’ de xestión que resulta «aínda máis impúdica se temos en conta», como lembra o portavoz municipal dos socialistas, Iván Puentes, «que a Xunta dispón de 120 prazas para maiores sen ter que facer absolutamente nada», xa que «o Concello cede, Amancio Ortega constrúe e a xestión recaerá nun terceiro». «Déronlle todo feito -sinala Puentes- e agora resulta que a Xunta aposta por un modelo de xestión que, como a historia sempre nos demostrou, non é válido, e que amosou a súa versión máis macabra durante a pandemia do Covid-19».

Segundo sostén Iván Puentes, «só fai falla observar os millonarios beneficios da empresa Domus VI na última década (a que máis prazas xestiona no noso territorio, entre privadas e subvencionadas) para percatarse do modelo ao que queren conducir a Residencia da Eiriña». 

Un modelo de xestión mixto: pública, con externalización selectiva

Paloma Castro constata que en Galicia hai nestes momentos 3 prazas dispoñibles por cada 100 persoas maiores de 65 anos, o que sitúa á nosa comunidade nas ratios máis baixas de España: «Para equipararnos coa media estatal, Galicia precisaría preto de 8.000 prazas máis das existentes en residencias». Ademais, entende a deputada, «precisamos outro modelo que se adapte ás singularidades do territorio e que garanta o dereito das persoas maiores usuarias a recibir uns servizos de atención residencial de calidade».

Neste sentido, Puentes e Castro esixen que se estableza para a residencia da Eiriña «un modelo mixto de xestión, porque este é o modelo realista que defendemos os socialistas». «Un modelo -salientan- baseado na xestión directa pública dos servizos esenciais, coa externalización selectiva dalgúns servizos auxiliares, garantindo así a calidade, eficiencia e sostibilidade económica».

O obxectivo é, como apunta Paloma Castro, «preservar o interese público como foco central de atención, evitando que as decisións sexan determinadas por criterios de rendibilidade económica, e que os recursos se reinvistan directamente na mellora do servizo, en lugar de ser utilizados para xerar beneficios corporativos».

Comparte éste artículo
No hay comentarios