A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, salientou que as axudas da Xunta polos incendios do ano pasado na comarca do Courel superan xa os 3 millóns de euros, “fronte ao ridículo de Sánchez e o seu Goberno, que só trouxo miseria”
Así o valorou Prado nunha recente visita a Folgoso do Courel, acompañada da alcaldesa, Lola Castro, e das candidatas ao Congreso e ao Senado Cristina Abades, María José Gómez e Sara Ruiz, na que constatou a grande achega do Goberno do Partido Popular aos afectados polos lumes.
Os propietarios das casas danadas recibiron máis de 1,1 millóns de euros nun tempo récord e, así mesmo, destináronse preto de 800.000 euros en traballos de acondicionamento do terreo e de pistas forestais e 1,25 millóns de euros a outras axudas forestais, a apicultores e a gandeiros entre 2022 e 2023.
Ademais, na aldea modelo de Moreda, no concello de Folgoso do Courel, acaba de implantarse unha granxa en extensivo dedicada á cría de porco celta en ecolóxico, con fin de anticiparse aos lumes forestais mediante o aproveitamento dos terreos.
“Esta grande implicación da Xunta, que cumpriu desde o primeiro día coa palabra dada, contrasta co descaro de Sánchez, que viu a Galicia a facer a foto e despois só puxo trabas e unha infinidade de requisitos para que os afectados se beneficiaran das subvencións do Goberno central”, abundou a secretaria xeral do PPdeG, que lamentou que en Folgoso só outorgara “unha mísera axuda de 17.000 euros”.
Do mesmo xeito, tal e como lle trasladou a veciñanza, “Yolanda Díaz tamén pasou por Folgoso do Courel a falar do verde que é a súa plataforma, pero nin se lembrou dos damnificados polos incendios”, engadiu Prado.