Critica que o goberno español achegue en 2023 un total 25.000 millóns de euros para a industria da guerra e programe 17.000 máis até 2029
O candidato do BNG pola Coruña ás eleccións do 23X, Néstor Rego, defendeu hoxe nun acto na Coruña urxencia de aplicar políticas de paz acompañadas de desarmamento fronte ao incremento de investimentos do goberno español na industria da guerra. Defendeu inverter as prioridades e destinar a políticas sociais en detrimento dun gasto militar que en 2023 alcanzará os 25.000 millóns de euros coa programación de 17.000 máis a engadir até 2029.
Néstor Rego avogou nun acto na Coruña por mudar as prioridades nos orzamentos e poñer en primeiro plano as políticas que poñan as persoas no centro fronte o desmesurado incremento en gastos militares que aprobou o goberno PSOE-Unidas Podemos, co argumento a guerra de Ucraína.
«O BNG defende políticas fundamentais para construír un mundo diferente e mellor, de respecto á soberanía dos pobos e de paz, fundamental no actual contexto europeo e queremos que vaian acompañadas do desarmamento en detrimento dun gasto militar ao que se destinarán en 2023 un total de 25.000 millóns de euros, aos que se engadirán 17.000 máis até 2029 segundo a programación do actual goberno», sinalou Rego na súa intervención na que reclamou,máis unha vez, que se renuncia ao «brutal» incremento de gasto militar.
Rego denunciou que se destine máis do 2% do PIB a gasto militar -segundo os datos do Centro Delás de Estudos pola Paz- que irá fundamentalmente á compra de armamento para beneficio, segundo afirmou, da industria militar norteamericana. «Os Estados Unidos aproveitaron a guerra de Ucraína para convencer aos gobernos europeos de incrementar o gasto militar», sinalou e defendeu que eses recursos se dediquen a políticas sociais, fundamentalmente a reforzar o financiamento da Lei de Dependencia, e saldar os 200 millóns de euros de débeda con Galiza, a incrementar as pensións mínimas coa redución da brecha de xénero e territorial que nos afecta especialmente con Lugo e Ourense coas máis baixas, a promover políticas activas de vivenda ou a creación de emprego, principalmente xuvenil, para impedir que continúe a alarmante cifra de mozos e mozas que teñen que abandonar o seu país para atopar emprego. «Precisamos eses orzamentos para mellorar a vida das persoas, dos galegos e galegas, renunciando ao dispendio de dedicar tantos recursos a gasto militar», engadiu Néstor Rego para quen é «inconcibíbel que un goberno que se di de esquerdas e progresista sexa o que faga que o incremento máximo dos orzamentos de 2023 cun 26% teña como destino ao Ministerio de Defensa e á compra de armas».
«Temos que remediar que isto non continúe e impedir o incremento da orde de 3000 millóns de euros até alcanzar os 17000 previstos e isto é o que vai facer un grupo galego forte que defenderá políticas sociais avanzadas que melloren a vida das galegas e galegos que teñen neste momento outras prioridades», concluíu Néstor Rego.