Azores. Por @DulceCorcu

por Dulce Corcu
¿Quen non escoitou falar do arquipélago portugués aínda que nunca puxera nin teña pensado poñer o pé nel? Por máis que tampouco quizais saibamos o nome das nove illas que o forman nin a diversidade que as compoñen, pero si sabemos con certeza que desde alí, do medio do Océano Atlántico, as Azores son a fonte climatolóxica da que bebemos maioritariamente os galegos. O anticiclón azoriano, combativo e persistente, é o milagre que permite que Galicia viva afastada desas temperaturas brutais e case inhumanas que sofre o resto de España e parte de Europa. Porque nos trae o Nordés e as capas frías, o maná polo que suspiran quen vive o verán coma un forno do que non poden fuxir.

O mapa meteorolóxico español está tinguido de marrón escuro en boa parte da súa totalidade, case incendiado diriamos, a piques de queimar se tocamos a pantalla mentres vemos as previsións do tempo no que antes era verán e agora semella inferno. Porque tamén a temperatura da auga é outra, e meterse no mar xa non equivale a un refrescante baño. A temperatura do Mediterráneo hoxe mesmo pode chegar aos vinteoito graos e non baixará dos vinteún. Cocerse, nunha palabra.
 /><figcaption id=Praia da Frouxeira

Nas costas galegas, pola contra, aínda hai que meterse por parroquias, ir mollándose aos poucos e ter unha actividade cardiaca saudable, que non se deixa impresionar fácilmente. Soemos ser o furgón de cola do Estado, os que non contamos para case nada, periféricos e descoñecidos, pero cando chega o verán, vaia vaia….aquí hai praias, sol e unhas Azores que nos traen vida e non permiten que gardemos as mantas para durmir de noite. Porque nós durmimos, ese luxo que provoca tanta envexa nesta canícula.  Menos mal que nos queda Portugal!

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario