¿Quen non escoitou falar do arquipélago portugués aínda que nunca puxera nin teña pensado poñer o pé nel? Por máis que tampouco quizais saibamos o nome das nove illas que o forman nin a diversidade que as compoñen, pero si sabemos con certeza que desde alí, do medio do Océano Atlántico, as Azores son a fonte climatolóxica da que bebemos maioritariamente os galegos. O anticiclón azoriano, combativo e persistente, é o milagre que permite que Galicia viva afastada desas temperaturas brutais e case inhumanas que sofre o resto de España e parte de Europa. Porque nos trae o Nordés e as capas frías, o maná polo que suspiran quen vive o verán coma un forno do que non poden fuxir.
O mapa meteorolóxico español está tinguido de marrón escuro en boa parte da súa totalidade, case incendiado diriamos, a piques de queimar se tocamos a pantalla mentres vemos as previsións do tempo no que antes era verán e agora semella inferno. Porque tamén a temperatura da auga é outra, e meterse no mar xa non equivale a un refrescante baño. A temperatura do Mediterráneo hoxe mesmo pode chegar aos vinteoito graos e non baixará dos vinteún. Cocerse, nunha palabra.

Nas costas galegas, pola contra, aínda hai que meterse por parroquias, ir mollándose aos poucos e ter unha actividade cardiaca saudable, que non se deixa impresionar fácilmente. Soemos ser o furgón de cola do Estado, os que non contamos para case nada, periféricos e descoñecidos, pero cando chega o verán, vaia vaia….aquí hai praias, sol e unhas Azores que nos traen vida e non permiten que gardemos as mantas para durmir de noite. Porque nós durmimos, ese luxo que provoca tanta envexa nesta canícula. Menos mal que nos queda Portugal!