A minoría perigosa. Por @DulceCorcu

Todo ten un prezo, a liberdade tamén. E non calquera, senón esa extramuros que permite a unha perigosa minoría volver a pisar as rúas sen importar o que fixeran e polo que foran condeados. Esa pequena mimoría son os ricos, que poden permitirse mercar a xustiza sendo un agresor sexual e mandando á vítima -e a todas as vítimas- unha mensaxe de absoluta desprotección. Tamén de medo e impotencia, de saber que pese a todo ese terrible proceso que conleva demostrar unha violación, ao final unha cifra económica non só rebaixará a pena imposta, igualmente suporá a liberación ao módico prezo dun millón de euros, cantidade que a inmensa maioría non pode nin soñar, pero Dani Alves, si.

A poucas horas de que a condea de catro anos e medio por agresión sexual sexa algo case anecdótico, o reo sairá da cadea para volver a súa vida. A esa normalidade onde nada se lle resiste por ser quen é, nin unha muller nin a xustiza. Tras uns meses de incomodidade na cadea – que pareza por favor que o sistema funciona-  todas as vítimas de violadores volven sentir ese cheiro amargo de derrota nas súas carnes, de burla e feroz abandono mentres a televisión recrea a imaxe do afortunado liberado rodeado de cámaras coma se acabase de marcar gol nunha final. As campañas institucionais instando a que denuncies, a que sexas valente e probes sorte a ver se alguén che cre. Aínda nunha plataforma dixital o documental da «Manada», un dos xuízos máis horripilantes da nosa historia recente e fresco na memoria, no «xolgorio» que dicía un dos xuíces que fora ser violada entre cinco bestas. Esa inmensa minoría perigosa que nunca permitirá que as mulleres vivamos sen sentir o peso do seu poder sobre nós. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios