A Administración autonómica achegará 75.000 euros para financiar os servizos de especialización que desde a Universidade se presten ás persoas emprendedoras para facilitar a materialización da súa idea empresarial de base tecnolóxica
A Administración autonómica galega e a Universidade, a través do Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), acordaron hoxe fomentar o emprendemento innovador entre a comunidade universitaria, aproveitando o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e das persoas con amplos coñecementos das novas tecnoloxías.
O obxectivo tamén desta iniciativa é impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e de emprego.
Para iso, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, asinou en Santiago de Compostela un convenio de colaboración co reitor da Universidade da Coruña (UDC) e presidente do Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), Julio Abalde.
A través de dito acordo, o departamento autonómico achegará 75.000 euros para financiar os servizos de especialización que desde a Universidade se presten ás persoas promotoras das iniciativas emprendedoras para facilitar a materialización da súa idea. Así, as persoas emprendedoras recibirán acompañamento e asesoramento na elaboración do plan de empresa e no lanzamento da actividade innovadora. Do que se trata é de apoiar as iniciativas empresariais de base tecnolóxica que poidan xurdir no ámbito universitario e de impulsar o espírito emprendedor a través da investigación, a tecnoloxía e o emprego.
O convenio materialízase en accións concretas como por exemplo a organización de charlas nas diferentes facultades para fomentar a cultura emprendedora e as iniciativas de base tecnolóxica; reunións de traballo con grupos de investigación para a identificación de resultados de investigación e determinación do seu potencial comercial; o desenvolvemento de programas formativos para adestrar a estudantes e outros membros da comunidade universitaria na realización dun Plan de Empresa; ou o apoio e asesoramento técnico para a realización e posta en marcha dos proxectos.
Foto portada: Imagen de pressfoto en Freepik