O grupo de baile e gaitas Do Lusco ó Fusco organiza este festival que estará en Tomiño o luns 24 de xullo ás 22.30 h
O Son das Prazas trae a música tradicional a Tomiño nos vindeiros días. O próximo 24 de xullo, a Praza do Seixo acollerá a XXVIII edición do Encontro dos Pobos, un dos festivais de música tradicional máis representativos do sur da provincia de Pontevedra e que cada ano reúne a grupos locais e internacionais en actuacións no concello tomiñés, así como en A Guarda, O Rosal e Oia.
Organizado polo Grupo de Baile e Gaitas Do Lusco ó Fusco en colaboración co Concello, o festival vai dirixido a todos os públicos e comezará ás 22.30 horas, con entrada de balde.
O público poderá desfrutar da actuación de dous grupos locais, da Escola de Gaitas e Danzas Virxe do Alivio de Tomiño e da propia agrupación Do Lusco ó Fusco. Estarán acompañados pola agrupación de Tenerife Parranda Chaboco e o seu amplo repertorio musical e pola polaca Bychlewianka, un grupo con máis de 40 anos de historia.