Mais tampouco o vai ter doado Pedro Sánchez con estes bimbios. Con Sumar e os seus recorrentes aliados da última lexislatura PNV, EH Bildu e ERC poderia contar cos mesmos 171, mais require polo menos a abstención de JuntsxCat, pois que se éstes votan en contra (e teñen manifestado que así o van facer agás se avance nas cuestións do referendum de autodeterminación e da amnistía) a única saída sería a repetición electoral, de non ser un- polo de agora- improbábel pacto de grande coalición PP-PSOE que o xornal de Pedro J. Ramírez, no ronsel dos intereses do Ibex 35, xa pedia este luns. Porén, de se acadar a abstención das juntaires na segunda votación, o deputado do BNG terá a chave da investidura na mesma e a axenda galega terá presenza nas negociacións.
A estatalización da campaña e o medo a un goberno da extrema dereita e da dereita dura déronlle pulo á mellora do voto do PSOE, no prexuizo duns mellores resultados do soberanismos catalán (fanado tamén pola campaña abstencionista de milleiros de indepes descontentos cos seus partidos), vasco e galego. Mais en último de contas os resultados electorais amosan o que moitos non ven: que a cidadania que vota (que votamos) por forzas soberanistas elixe deputad@s en pé de igualdade e que estes representantes, nun sistema parlamentário, xogan na conformación das maiorias de investidura e de goberno ao mesmo nível das representacións das forzas unionistas. É dicir, que constitúen para cadanseus países e territorios un voto ben útil. E, sobre todo, lembran continuamente a existencia dunha plurinacionalidade adoito negada e nunca ben resolta.
Deprenderán desta vez as esquerdas españolas que só lles da para sumar con acordos coas forzas soberanistas? Ou seguirán a asumir o marco mental das dereitas españolas? Velaí a chave desta lexislatura que comeza.