Declaración de UGT-Galicia con gallo do 25 de Xullo. UGT aposta por continuar na senda dunha recuperación social, económica e laboral xusta

por Redacción Galicia

O Sindicato pide coordinación entre as administracións para un bo aproveitamento dos fondos europeos cara unha Galicia competitiva e con emprego de calidade

Co gallo da celebración, mañá, do Día Nacional de Galicia, a Comisión executiva de UGT-Galicia transmítelle, en primeiro lugar, a toda a cidadanía galega os parabéns pola celebración da súa data máis sinalada, que este ano conmemórase tras unhas eleccións xerais cuxos resultados deixan un panorama aberto e incerto, nunha conxuntura marcada por unha guerra ás portas de Europa e aínda cos últimos coletazos da pandemia da COVID.

Nesta conxuntura, UGT-Galicia pon en valor o traballo realizado durante estes últimos anos onde o diálogo social tivo un papel prioritario na senda do reforzamento da negociación colectiva, o crecemento económico, o reforzamento do Estado de benestar, a creación de postos de traballo, a estabilidade no emprego ou a garantía da sostibilidade dun sistema público de pensións. Isto, fronte a propostas económicas a medida dos intereses das elites e a favor da precarización laboral e de narrativas negacionistas ante o cambio climático, a hostilidade e discriminación cara a diversidade sexual ou cara os avances do movemento feminista e o desprezo dos valores colectivos, como o abandono das persoas máis vulnerables.

Neste últimos anos demostrouse que se pode traballar nunha saída xusta da crise e evitar que, como sucedeu no 2008, os fogares, as familias e os traballadores sexan os pagán de situacións que non xeraron. A recuperación debe facerse dun xeito xusto, igualitario e sustentable. Para iso, o Sindicato esixe ás administracións unha correcta xestión e bo aproveitamento dos fondos europeos para camiñar cara unha Galicia competitiva e con emprego de calidade.

Unha data para a lembranza das vítimas da COVID, da guerra en Ucraína e para as vítimas do sinistro de Angrois que hai 10 anos sacudiu á sociedade galega

Para UGT, esta data ten que converterse nunha xornada de celebración para todos e todas as galegas pero tamén nunha xornada reivindicativa e de lembranza. Lembranza para todos os que perderon a vida como consecuencia da COVID-19, para todos aqueles que aínda padecen as súas secuelas, lembranza tamén para as vítimas dunha guerra cruenta e inxusta que está a ter lugar ás portas da UE e lembranza tamén nesta data para as vítimas e as súas familias do sinistro ferroviario de Angrois que hai 10 anos sacudiu á sociedade galega na xornada previa ao 25 de xullo.

Neste Día Nacional de Galicia, dende UGT esiximos un presente e un futuro mellor para todas as galegas e galegos.

Dende UGT incídese en que hai que seguir protexendo dende as administracións as rendas máis desfavorecidas e atallar o aumento excesivo das marxes das empresas dos sectores enerxéticos e doutros que están aproveitando a situación para especular e elevar os seus beneficios.

En Galicia, a Xunta debe facer unha aposta clara pola mellora e a modernización das políticas activas de emprego que, xunto coa aplicación da reforma laboral, deben ser instrumentos prioritarios para a mellora da calidade do emprego nesta Comunidade.

Por outra banda, a Xunta tamén debe asumir as competencias que lle son propias en materia industrial porque son moitos os frontes abertos neste eido en Galicia. Hai que traballar xa para disipar as numerosas incertezas que rodean a este sector, falta de traballo, elevado prezo da electricidade e o proceso de transformación enerxética. Estes riscos fan inaprazable a posta en marcha dunha política industrial na que se aposte por actividades de alto valor engadido e que aborde con especial atención o problema enerxético.

Nesta data tamén compre esixir o reforzamento dos servizos públicos. Requírese maior investimento, recuperar o financiamento anterior aos recortes do 2012 así como máis emprego e máis estable. Cómpre reducir a abusiva temporalidade no sector público. Só así se poderán facer efectivos dereitos fundamentais como o dereito á saúde, á educación, á seguridade e á protección social.

En definitiva, para todo isto, o que pide a cidadanía é construír consensos para unha reconstrución social e económica de Galicia xusta e que non deixe a ninguén atrás. Hai que facelo sobre bases sólidas, en liña co que reclama a sociedade, reparando as eivas detectadas neste últimos anos marcados pola pandemia e pola guerra pero tamén reparando as eivas históricas que arrastra a nosa Comunidade.

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario