Declaración do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia con motivo da celebración do Día da Patria Galega de 2023

por Redacción Galicia

Este ano, o Día da Patria Galega vai estar marcado polo resultado das eleccións ao Congreso dos Diputados do 23X, por iso na situación actual é imprescindible un Goberno progresista que xestione os cambios políticos, sociais e económicos que se necesitan no Estado e en Galicia.

Neste contexto Comisións pídelle ao Goberno que se elixa tras o 23X que mire para Galicia, porque hai eivas que veñen de moito tempo atrás en materia de infraestruturas —como a saída sur, onde Portugal xa está a traballar, ou o corredor do noroeste— ou de financiamento autonómico e en especial a situación da atención á dependencia. Nun momento en que a intervención do sector público na economía é absolutamente necesaria, reclamamos establecer un pacto de rendas que contemple, ademais da subida salarial, unha política fiscal adecuada que limite os excedente empresariais e protexa as rendas medias e baixas.

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia reiterou en numerosas ocasións que a construción nacional debe incluír por forza o desenvolvemento de todas as capacidades necesarias para lograr unha sociedade xusta. E para iso é necesario, hoxe máis ca nunca, defender os elementos constitutivos do noso Estado do benestar. Desde CCOO facemos unha aposta por manter e ampliar os servizos públicos de calidade como factor de cohesión social e fonte de emprego. A política de recortes e privatizacións dos sectores públicos tamén está chegando ás administracións locais, e Galicia vese altamente afectada pola súa división territorial en numerosos Concellos que, sen o apoio de outras Administracións, carecen de recursos para manter unha presentación de servizos axeitada. A defensa dos servizos públicos é un dos cabalos de batalla de CCOO, porén esiximos que se doten e aseguren os recursos necesarios.

Galicia precisa Goberno e autogoberno. É a principal reivindicación do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras no Día da Patria Galega. Levamos pouco máis dun ano da presidencia de Alfonso Rueda e só se dedicou a traballar para apoiar a proxección de Feijóo en Madrid. Aínda non vimos una soa política autonómica de apoio á actividade económica e ao emprego. Coa mesma lexislación laboral que no resto de España, Galicia segue tendo peores indicadores laborais e sociais e una poboación máis envellecida. De seguir por este camiño, Galicia converterase nun deserto industrial e nun centro privado de atención a maiores.

Ao tempo que o Goberno da Xunta de Galicia permanece impasible diante do desmantelamento de sectores estratéxicos da economía galega, Portugal acelera para seguir captando empresas galegas. A industria, que debería ser o motor da económica, ten o nivel de emprego baixo mínimos.

Pedímoslle ao Presidente Rueda que deixe de traballar para Feijòo e o PP, e que pense en Galicia e nos galegos e as galegas. Que goberne. Que faga valer as competencias que Galicia ten en materia de política industrial, políticas de emprego, política social ou de infraestruturas. Facer de Galicia un lugar axeitado para traballar e vivir con dignidade require outro xeito de facer as cousas. Desde CCOO reivindicamos que se complete o mapa de transferencias, paralizado desde hai quince anos, acompañado dos recursos suficientes para superar a histórica situación de desigualdade de Galicia respecto doutras zonas do Estado Español.

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras ten identificadas algunhas principais necesidades, que sintetizou en dez propostas para un xiro social en Galicia que vimos plantexando no diálogo social fai anos. As propostas de CCOO prevén a reforma integral do Servizo Público de Emprego de Galicia e das políticas activas de emprego; un modelo enerxético inclusivo que xere capacidades industriais propias; un plan de renovación da frota pesqueira galega; a redefinición da formación para o emprego e do mapa de titulacións; un plan contra a precariedade laboral; cláusulas sociais na contratación pública; a modernización das relacións laborais; a extensión dos plans de igualdade na negociación colectiva; políticas formativas e de sensibilización en materia de igualdade e non discriminación por razón de xénero; e medidas de apoio á corresponsabilidade.

Se o Goberno de Galicia abdica das súas responsabilidades, o pobo galego poderá contar en todo momento co sindicalismo de clase que exerce CCOO, organización amplamente lexitimada para facer estas propostas, tanto pola nosa afiliación, maior ca a de calquera outra entidade social, como polo apoio que nos outorga as traballadoras e traballadores do país nas eleccións sindicais. Se o Goberno de Galicia renuncia a mellorar as condicións de vida e de traballo da cidadanía cun cambio de políticas, o sindicalismo de clase que representa CCOO continuara a loitar para melloralas no ámbito que nos é propio: a negociación colectiva, que é hoxe por hoxe é a mellor vía para non perder dereitos.

O agro galego tamén continúa ameazado coa pesada lousa dos baixos prezos que reciben polos seus produtos, por debaixo dos custos de produción. Se a isto lle sumamos a falta de relevo xeracional debido á ausencia de políticas axeitadas por parte da Xunta, o rural galego podería verse abocado á desaparición, unha circunstancia con efectos prexudiciais dunha dimensión difícil de calcular nos planos social, económico e medioambiental.

Este 25 de xullo celebramos o Día de Galicia, que fora instituído polas Irmandades da Fala en 1919, «Día Nacional de Galicia» como o decretou a Xunta de Galicia en xaneiro de 1.979, un ano antes, aí 45 anos, os traballadores e traballadoras do noso País celebraba o Congreso constituínte do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia. Manuel Amor Deus foi elixido primeiro secretario xeral. O noso Sindicato, herdeiro da tradición solidaria do movemento obreiro, defende os dereitos dos pobos, entendendo estes, non como o enfrontamento duns pobos contra outros, senón como o recoñecemento mutuo dos dereitos de cada un fronte ás imposicións discriminatorias dos centros de poder.

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, como organización plural, democrática e aberta a todas as traballadoras e traballadores, non debe dar preferencia a unha ou outra concepción de progreso existentes sobre o futuro de Galicia. Pero como sindicato de traballadores e traballadoras está obrigado e comprométese a apoiar todas as iniciativas que fagan que o noso pobo sexa máis libre das presións do exterior; máis xusto e solidario ante os desequilibrios internos; máis racional e firme na defensa da súa identidade cultural e da súa lingua, e máis aberto e igualitario, rexeitando toda forma de xenofobia na súa relación cos outros pobos.

Celebremos esta data con respecto coas distintas sensibilidades e formas plurais de amar Galicia, e aos sinais propios sobre os que se alicerza a nosa identidade como pobo, entre os que salienta con singular relevancia o idioma galego, como nos deixou dito Celso Emilio Ferreiro:

Lingua proletaria do meu pobo,

Eu fáloa porque si, porque me gosta,

Porque me peta e quero e dame a gaña;

Porque me sae de dentro, alá do fondo… Viva Galicia sempre.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario