O Partido Galego presentou onte, Día da Patria Galega a campaña «Galicia Rexorde«. Na bandeira galega eclosiona a coroa do antigo reino de Galicia.
Un acto de recoñecemento ao primeiro reino de Europa que se remonta ao século V, que mediante un acordo «Foedus» co emperador de Roma Honorio, constitúese como reino acuñando moeda propia no ano 410. MVNITA GALLICA PAX (Moeda da paz de Galicia). O Reino de Galicia existiu durante catorce séculos, fundado polo rei suevo Hemerico e tras as amplas liberdades ó ser único reino peninsular libre de ocupación napoleónica, foi disolto por María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias en 1833.
Dende o Partido Galego, sentímonos orgullosos da nosa historia, dos nosos devanceiros e reclamamos que se instaure a coroa do reino de Galicia como símbolo nacional de todos os cidadáns galegos, do mesmo xeito que outros pobos e grandes nacións locen con orgullo sobre as súas actuais bandeiras os símbolos que lles lembran quen foron, para recoñecerse no presente, quen son.
César Pazos membro da Executiva Nacional que foi o encargado de explicar «a nova imaxe que presenta o PG como unha confluencia entre elemento histórico reflectido na bandeira galega e o impulso dun novo tempo de rexurdimento para levantar Galicia dese letargo no que aínda está sumida, pois a conciencia do –noso- é alta, pero a interpretación política aínda lle falta moito percorrido, para tomarmos conciencia de orgullo de País e orgullo de representarnos a nós mesmos a través do Partido Galego»
Luís González Tosar, poeta e Medalla Castelao da Xunta de Galicia no ano 2005, defendeu o liderado do Partido Galego para impulsar unha nova etapa do rexurdir para Galicia.
Pechou o acto Maxi Vázquez como Secretario Xeral do PG, que aproveitou para lembrar os perigos que representan para Galicia como País forzas políticas de extrema dereita como Vox, e os avances das outras nacións do Estado como País Vasco e Cataluña, vinculando ese benestar e avances aos respectivos gobernos con partidos propios deles, como debería ser o caso de Galicia co Partido Galego.
Pechouse o acto depositado un ramo de flores na tumba de Castelao e cantado o himno galego polo grupo musical e os asistentes militantes e simpatizantes do Partido Galego.