Luis Álvarez destaca o consenso das forzas políticas para a creación dunha fundación que xestione o Panteón dos Galegos Ilustres

por Redacción Galicia

Sinala que o diálogo é “a mellor ferramenta” para poñer en valor este “lugar simbólico” no que “descansa parte fundamental da identidade de Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, destacou este venres o consenso acadado e a “vocación de acordo” das forzas parlamentarias para crear a Fundación que xestione o Panteón de Galegos Ilustres, xogando un papel central a Cámara galega.

No último pleno do curso parlamentario, certificouse o acordo acadado polas tres forzas políticas que conforman a Cámara galega para dotar de respaldo legal e xurídico ao Panteón de Galegos Ilustres, sendo a Igrexa da que forma parte xestionada polo Arcebispado dende hai máis dunha década, despois de 165 anos a cargo do Concello de Santiago.

Esta lei que se aprobou por unanimidade “logo dun proceso que se alongou demasiado no tempo”, sinala Álvarez, permitirá que todos os axentes involucrados estean presentes na toma de decisións, pero sendo o Parlamento quen xogue “un papel central na xestión do Panteón” como así propuxo no 2011 o Consello da Cultura Galega, da man do seu presidente Ramón Villares.

Luis Álvarez incidiu na importancia de “garantir a apertura do Panteón ao público e a difusión e fomento das visitas e da celebración de actos de recoñecemento aos persoeiros soterrados nel”, permitindo á cidadanía coñecer o espazo e honrar a estes seis persoeiros que o socialista cualificou como representación “dos nosos mellores poetas, mellores escritores, dos mellores científicos, escultores e políticos que deu a nosa terra”.”Eles son os bos e xeneroso aos que alude o noso himno”, engadiu.

O portavoz socialista finalizou facendo un chamamento a seguir pola vía do consenso e o diálogo para “afrontar os retos dos novos tempos”. “É incomprensible que intereses espurios e unha visión miope da política e das institucións teñan provocado o descarrilamento de acordos centrais como foi a lingua galega ou a reforma do Estatuto de Galicia”, alegou. Para finalizar emprazando ás forzas políticas a asumir unha “reforma urxente, necesaria e imprescindible” da carta da autonomía galega para “poñerse á altura dos novos tempos e despexar o camiño para asumir novas competencias”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario