O cartel con todos os eventos programados para esas datas foi presentado polo alcalde, José Manuel López Varela, a concelleira de Festas, Patricia Bello, e o presidente e a vogal da Comisión de Festas da Laracha, Josecho Campos e Elena López.
O programa destaca pola cantidade, calidade e variedade das propostas culturais, deportivas e festivas -con orquestras de primeiro nivel- ás que se anima a asistir a todos os públicos. Do mesmo xeito que en anos precedentes, haberá dous escenarios principais nos que se desenvolverán os eventos, acollendo a Praza do Concello as sesións vermú e a Praza Les Sables d’Olonne, a maior parte das actividades das tardes e tamén todas as verbenas nocturnas.
O cartel das festas ábrese na tarde do luns día 14 de agosto co concerto infantil da banda de rock galego A Gramola Gominola a partir das 19:00 horas. Pola noite, verbena coa orquestra Los Satélites e a disco móbil Movemento, que será a encargada da fin da festa en cada unha das catro xornadas.
O día grande será o 15 de agosto. A mediodía haberá pasarrúas a cargo da banda de gaitas Brisas do Quenllo. Ás 13:30, misa solemne na honra da Nosa Señora, á que seguirá a sesión vermú. Pola tarde, nova edición do trofeo de fútbol “Concello da Laracha” no campo Municipal que, como é tradicional, disputarase en formato triangular e participarán o Laracha CF, a UD Paiosaco e o Club do Mar de Caión, servindo tamén o torneo como preparación na pretemporada dos tres conxuntos. Ás 20:00 horas a Asociación Cultural Santa María de Torás ofrecerá unha actuación no Praza Les Sables d’Olonne. Pecharase a xornada coa verbena a cargo da orquestra Foliada.