Ángeles Vázquez salienta que o novo documento ten en conta, de xeito especial, a significativa influencia dos espazos portuarios tanto na evolución das localidades costeiras como na conformación da paisaxe das fachadas marítimas
A Xunta aposta pola integración paisaxística dos 122 portos da súa titularidade coa publicación dunha guía de boas prácticas, que hoxe foi presentada pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, no porto de Combarro, en Poio.
Nesa liña, a vicepresidenta segunda incidiu en que este documento pretender axudar a facilitar unha mellor integración dos espazos portuarios nas paisaxes do noso litoral, tendo en conta, de xeito especial, a súa significativa influencia tanto na evolución das localidades costeiras como na conformación da paisaxe das fachadas marítimas.
Máis polo miúdo, detallou que a guía diferencia 4 tipoloxías: peiraos e ramplas; pequenos portos; portos mixtos e portos especializados. A partir de aí, recolle un conxunto de criterios base para a súa integración paisaxística, como a adaptación ao seu emprazamento e á súa contorna; a integración dos accesos; a delimitación dos espazos segundo o seu uso, artellamento e continuidade, ou a mellora dos servizos, edificios e instalacións. A maiores, tamén aposta polo emprego de solucións construtivas e materiais de baixo mantemento e alta funcionalidade e durabilidade.
A guía inclúe tamén un catálogo de boas prácticas a través de 5 exemplos reais. Os portos de Caión, Vilanova de Arousa, Malpica, Porto do Son e Corme poden servir como referencia para actuacións futuras.
A maiores, a vicepresidenta segunda puxo en valor que a nova Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, que entrará en vigor, mañá, mércores, 2 de agosto, reforza a aposta pola interacción porto-cidade cunha dobre finalidade: a integración do ámbito portuario na vila e o impulso da participación da cidadanía no seu desenvolvemento.
Pola súa banda o conselleiro do Mar destacou que a guía presentada en Combarro vai a permitir adecuar e protexer as 122 dársenas de xestión autonómica. O obxectivo é que sexan máis atractivas e seguras tanto para os usuarios e veciños como para os visitantes. De aí a necesidade de que as instalacións portuarias sexan prácticas e funcionais e que ao mesmo tempo contribúan a respectar a excepcional paisaxe que as rodea, integrándose plenamente coas vilas.
Alfonso Villares tamén puxo en valor as actuacións para a humanización dos portos xa realizadas nos de Palmeira, Porto do Son, Fisterra e, no futuro, no de Portonovo. Trátase dunha proba máis, sinalou, da aposta da Xunta polo equilibrio entre a conservación do medio ambiente xunto co respecto á paisaxe e o desenvolvemento de actividades estratéxicas en territorio marítimo.
En canto á Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, o titular de Mar considera que se dá o paso definitivo para superar as eivas da restritiva normativa estatal. Grazas á norma galega, manifestou, apórtanse garantías á sustentabilidade e competitividade do sector do mar-industria da comunidade, que sustenta 40.000 empregos directos e xera arredor do 5 % do PIB galego.