Rego afirma que «o noso País non pode ser un convidado de pedra, non se pode falar do encaixe de Euskadi e Cataluña como nacións e que a Galiza non estea presente. O BNG vai colocar a Galiza e os nosos intereses colectivos no centro do debate
O deputado no Congreso Néstor Rego e a Senadora do BNG, Carme da Silva, compareceron hoxe ante os medios de comunicación para dar conta do posicionamento do BNG ante as negociacións que están a iniciar de cara a constitución do próximo Goberno do Estado, nas que centrarán o seu obxectivo en exixir para Galiza o cumprimento da Axenda Galega, incrementando o investimento, así como avanzar no recoñecemento da Galiza como nación e no fortalecemento do autogoberno, asumindo todas as competencias posíbeis e blindándoas de cara ao futuro.
Néstor Rego adiantou que a posición que o BNG terá en Madrid, será coherente co anunciado na campaña e coa actuación que veu pondo en práctica na pasada lexislatura, unha defensa firme dos intereses da Galiza e promover compromisos claros e verificábeis coa axenda galega, que debe avanzar nos próximos anos.
«O BNG vai ter unha posición reforzada en Madrid nesta lexislatura que dá comezo, pois contaremos, non só cun deputado no Congreso, senón coa incorporación da Senadora do BNG, Carme da Silva» sinala Rego. Para o deputado nacionalista a presenza en Madrid, «nun contexto de incremento do peso e da importancia das forzas soberanistas, servirá para que apareza con maior clareza a cuestión nacional e que se avance por parte do Goberno no recoñecemento real do carácter plurinacional do Estado español, o recoñecemento práctico de que no Estado español existen nacións como Galiza que deben ter dereitos colectivos recoñecidos que deben redundar na súa capacidade de autogoberno, co que se posibilitará o desenvolvemento de todas as nosas potencialidades como País, e camiñar cara unha sociedade de maior benestar colectivo».
Rego afirmou que neste proceso que se está a iniciar a Galiza non pode ficar á marxe, «o noso País non pode ser un convidado de pedra, non se pode falar do encaixe como nacións de Euskal Herria e Cataluña e que Galiza non estea presente». O BNG non vai permitir que isto aconteza, vai asegurar que a Galiza estea nese proceso. «O noso País non pode perder, máis unha vez, ese tren e por iso o BNG vai colocar a Galiza e os nosos intereses colectivos no centro do debate» continúa o deputado nacionalista.
O deputado do BNG tamén fixo fincapé en que para lograr ese avance no autogoberno non bastará só con ter un Goberno do Estado proclive, senón que «será necesario tamén un Goberno da Xunta que reclame o traspaso de competencias, cuestión en que até o de agora goberno do Partido Popular non fixo nada, polo que teremos que traballar tamén para que haxa un Goberno Galego que teña interese en fortalecer as capacidades de toma de decisión da Galiza, un Goberno do Bloque Nacionalista Galego» declara Rego.
Para o BNG será fundamental a cuestión do financiamento, que xa motivou iniciativas e acción política da organización nacionalista nas últimas décadas e tamén na última lexislatura, en que veu defendendo a necesidade de mudar un sistema de financiamento como o actual que prexudica gravemente o noso País, e supón un infrafinanciamento que repercute negativamente en moitos aspectos, especialmente nos servizos públicos como sanidade ou educación. «Precisamos mellorar o financiamento e o BNG reclamará que, dunha vez por todas, se poña no debate político un novo sistema de financiamento autonómico e que no caso da Galiza ese sistema parta do modelo de concerto económico que temos defendido historicamente» remarcou Néstor Rego.
O deputado tamén fixo referencia á posibilidade de quitas ou condonacións da débeda pública co FLA que saltou recentemente á palestra, e destacou que o goberno galego do Partido Popular se negou a recorrer a este fondo «por preferir que a débeda pública fose coa banca privada, triplicándoa até os case 12.000 millóns de euros, mais agora que se abre a posibilidade de quita da débeda co FLA, a Galiza sairá prexudicada pola elección política de endebedarse con entidades privadas que adoptou o PP e que terá que explicar ao conxunto da cidadanía» destaca o voceiro do BNG no Congreso.
O deputado asegurou que o BNG os intereses da Galiza en primeiro plano, «en priorizar a Axenda Galega, e en que esa Axenda Galega avance, especialmente en materia de investimento e de políticas sociais, e para iso o nós, o BNG, estamos en disposición de falar, mais seremos moi exixentes á hora de defender os intereses do pobo galego. Non imos dar un cheque en branco a ninguén» conclúe Néstor Rego.
Pola súa parte, a Senadora Carme da Silva destacou que hai cuestións fundamentais nas que o BNG seguirá traballando como veu facendo nos últimos anos, como por exemplo a do financiamento autonómico ou financiamento dos concellos galegos, pero que neste momento a organización está traballando na redacción dun documento cos principais asuntos imprescindíbeis de cara á investidura. «Do que do BNG dependa non vai gobernar a dereita, mais poremos na mesa a Axenda Galega para facilitar ese apoio, e que se concretarán en compromisos concretos e con prazos verificábeis» declarou a Senadora do BNG.
O BNG centrará o debate en catro eixos fundamentais, en primeiro lugar o do investimento, fundamentalmente en infraestruturas, co obxectivo de recuperar o déficit histórico do noso País. En segundo lugar, promoverá o avance en políticas sociais, especialmente en materia de igualdade e de dependencia, cuestións cunha infrafinanciación e déficit acumulado moi importante. En terceiro lugar, compromiso do nunha acción clara para frear e paliar a crise industrial. E finalmente, en cuarto lugar políticas ambientais, centrando a cuestión no espolio enerxético, para por fin á situación actual na que Galiza está sendo utilizada para extraer recursos pero soportando os altos custos ambientais e sen compensación.
Finalmente, a Senadora tamén fixo referencia a que neste momento se están a desenvolver conversas con distintas forzas políticas para avanzar na composición dos grupos parlamentares tanto no Congreso como no Senado, materia na que o «BNG tentará lograr a mellor posición posíbel e a máxima capacidade para continuar a exercer o seu traballo de defensa dos intereses dos galegos e galegas» rematou Carme da Silva.