Os días 1, 2 e 3 de setembro, A Coruña acollerá o XII Encontro Artes pola Integración, un proxecto que ten como principal obxectivo romper as barreiras entre artistas e persoas con e sen diversidade funcional e substituílas por vías de acceso bidireccionais que fomenten o coñecemento, o recoñecemento e a inclusión social a través das artes.
Entre as diferentes facetas desta cita integradora e transformadora – que conta co apoio do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o INAEM (Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música), Gadis ou Estrella Galicia – destacan as artes escénicas, as artes visuais, o cinema ou a música como instrumentos eficaces e esenciais para a comprensión e a procura de alternativas a problemas sociais e interpersoais derivados das demandas, necesidades e procesos inclusivos.
Este evento arrincará nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña o venres 1 de setembro ás 19:00 horas, coa presentación do festival para, a continuación, asistir a tres representacións teatrais: a peza curta “O meu lugar!” – dirixida por Rebeca Ponche e Carlota Pérez coa axuda de dramaturxia de Victor Duplá e María Vazquez – baseada na obra “A tempestade”, de William Shakespeare, a peza “Tuétano”, de ExperimentaDanza, versión longa da obra “Non me toques o segredo” representada na pasada edición do festival, e “Mordiendo la verdad. Recuperando la memoria de las mujeres”, de Palomica Lloca Producciones, un premiado espectáculo que combina teatro, música, danza y poesía visual.