Un minuto, unha vida. Por @DulceCorcu

por Dulce Corcu
Parece baladí, quizais algo que realmente non resolve o problema nin aporta solucións, pero ese minuto de silencio por cada vítima da violencia machista non só visibiliza esa latexante e continua masacre contra as mulleres, senón que involucra ao entorno no que se leva a cabo. É habitual nos Concellos e noutros organismos oficiais en todo o territorio español, polo menos ata estas pasadas eleccións municipais, onde os pactos PP-VOX en moitos gobernos están a combater non precisamente o terrorismo machista, senón a amparalo e darlle pulo obviando todo o que supoña violencia de xénero, algo que consideran inexistente pese aos trinta e dous asasinatos de mulleres polas súas parellas ou ex parellas que levamos no que vai de ano, oito delas só neste sanguento mes de xullo apenas rematado.

Luisa Márquez (PP)  vén de tomar como primeira medida do seu goberno na Solana (Ciudad Real) retirar ese minuto de silencio en solidariedade coas vítimas por consideralo «propaganda e publicidade». Porque xa sabemos que ser asasinada polo teu home, pai dos teus fillos en moitos casos, é algo propagandístico do que sacar rédito. Ou cosas de roxos que agora queren chamarlle a iso machismo cando leva pasando toda a vida, que a saber se ela algo non faría. Que el era bo veciño e saudaba todos os días. Non é un caso aillado o da rexidora manchega, noutras vilas e cidades as primeiras medidas da dereita e ultradereita, agora no poder, son borrar todo o que semelle a igualdade e tolerancia. A respecto a colectivos coma o LGBTI e por suposto, ás violencias machistas, que se negan sequera a chamar por ese nome, como se non nomeaba fixese que non existise. Todo iso só convirte en dobremente vítimas ás mulleres asasinadas, ignoradas e escatimado ese breve minuto por cada vida arrebatada. Porque ese minuto era iso: unha vida. É o froito dunha maldade e un desprezo que todas podemos sufrir porque a violencia machista non entende de clases, ningunha de nós está libre de padecela. Non nos queren libres, quérennos outra vez sumisas, que non protestemos e espirnos dos dereitos tan traballosamente acadados. Pero aquí estaremos para seguir sendo o berro das que xa non teñen voz!
Foto. Luisa Márquez, alcaldesa da Solana (Ciudad Real)
Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario