O portavoz do Grupo Municipal Socialista asegura que «o informe de Secretaría non tumba para nada a moción do PSdeG, o único que cuestiona é o momento no que se pode presentar esa moción con respecto á tramitación da nova ordenanza e o momento no que o Pleno pode tomar a decisión de modificar o emprazamento da feira». «A solución é sinxela: se o Goberno Local dilata a aprobación da nova ordenanza, modificaremos a do 97; e se axiliza os trámites de aprobación da nova ordenanza, modificaremos a nova cando entre en vigor», anuncia
O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, garante que os socialistas manteñen con máis forza, firmeza e convicción que nunca o seu pulso para que a Alameda se converta na ubicación definitiva da feira ambulante. En resposta ás declaracións realizadas pola concelleira nacionalista Anabel Gulías, que onte aseguraba que un informe do secretario do Pleno ‘tumbaba’ as pretensións do Grupo do PSdeG, Puentes enviou esta mañá unha mensaxe clara: «As triquiñuelas administrativas ou doutro tipo non impedirán que se cumpra a vontade maioritaria e unánime do Pleno e dos vendedores ambulantes e o que desexa a cidadanía de Pontevedra, expresado no éxito que supuxo a celebración da feira nestes últimos meses».
Tal e como volveu explicar, o Concello de Pontevedra ten nestes momentos unha ordenanza de venda ambulante en vigor (a do ano 97) e unha nova ordenanza en tramitación, «aprobada inicialmente polo Pleno, que pasou un período de exposición pública e que está pendente de volver novamente ao Pleno para aprobación definitiva, unha vez que teña tódolos informes técnicos necesarios». En consecuencia, unha vez que esa nova ordenanza entre en vigor, será derogada a do 97 e comezará a rexer a nova.
«Por iso -lembrou Iván Puentes- a moción rexistrada polo Partido Socialista contempla dous puntos diferenciados: primeiro, modificar a ordenanza en vigor, a do 97, introducindo a Alameda como lugar de celebración do mercadillo ambulante dos sábados e Campolongo como ubicación alternativa (en caso de festas ou eventos), para o período que pase desde hoxe até que entre en vigor a nova ordenanza, que non sabemos cando será e que depende en todo caso de que o alcalde ou a concelleira responsable decidan levala a Pleno; e un segundo punto, que o que pide é que esa ubicación definitiva na Alameda e alternativa en Campolongo se introducise tamén no texto da nova ordenanza para o día no que entre en vigor».
Segundo expuxo o portavoz do PSOE, «o informe emitido pola Secretaría fai referencia unicamente a ese segundo punto da moción socialista, é dicir, á imposibilidade técnica de que, estritamente neste momento concreto no que estamos, entre que finalizou o período de exposición pública para facer alegacións á nova ordenanza e que sexa levada a Pleno para a súa aprobación definitiva, se introduzan cambios no texto». Polo tanto, habería que agardar á súa aprobación polo Pleno e, a partir de aí, si poderían levarse a cabo esas modificacións.
Puentes afirma, sen ningún xénero de dúbida, que «o primeiro punto da moción do PSdeG, que pasa por modificar a ordenanza en vigor, a do 97, é perfectamente factible e pode levarse ao seguinte Pleno do Concello». «O informe de Secretaría -sostén- non só non di nada ao respecto, senón que o permite e acepta totalmente. Con respecto ao segundo punto, que fala de incluír no texto da nova ordenanza o destino definitivo da Alameda e alternativo en Campolongo, o que temos que facer é agardar a que a nova ordenanza estea en vigor para introducir a modificación oportuna unha vez que estea aprobada definitivamente polo Pleno. Nese momento, será posible modificala e introducir a Alameda como destino definitivo da feira».
Antes ou despois
Iván Puentes avanzou que o seu partido seguirá adiante coas súas propostas e pretensións, «xa que as consideramos de xustiza»: «Se no Pleno do mes de setembro non vai a aprobación definitiva a nova ordenanza, manteremos a nosa moción e modificaremos a do ano 97 para que, durante o tempo que siga en vigor, xa teñamos a Alameda introducida como destino definitivo; e se a nova ordenanza vai a Pleno en setembro, pois xa non tería sentido modificar a do 97, porque quedaría derogada pola aprobación da nova, e o que faríamos sería levar á seguinte sesión plenaria exactamente a mesma moción pedindo que se introduza a Alameda como ubicación definitiva da feira e Campolongo como alternativa».
Na súa opinión, «o informe de Secretaría non tumba para nada a moción do Partido Socialista, o único que cuestiona é o momento no que se pode presentar esa moción con respecto á tramitación da nova ordenanza e o momento no que o Pleno pode tomar a decisión de modificar o emprazamento da feira». Para Puentes, a solución é sinxela: «Se o Goberno Local dilata a aprobación da nova ordenanza, modificaremos a do 97; e se axiliza os trámites de aprobación da nova ordenanza, modificaremos a nova».
Ao seu xeito de entender, «a vontade e o desexo maioritario do Pleno, dos vendedores e da veciñanza de Pontevedra, como amosa o éxito das feiras celebradas nos últimos meses, é que o mercado estea na Alameda e non na avenida de Bos Aires, un emprazamento que, nin sequera na rolda de consultas convocada polo alcalde e a concelleira Anabel Gulías e na que seleccionaron a quen ían chamar, ninguén propuxo xamais».