Grupo Municipal Popular advirte do mal olor que desprenden os colectores do lixo, das queixas dos usuarios da piscina por varios elementos rotos ou oxidados e do risco de incendio que supón ter as pistas sen rozar en agosto
O PP de Lourenzá faise eco das queixas dos veciños e veciñas sobre “o deixamento e o abandono do estado xeral do concello por parte do goberno do PSOE”. Os populares lamentan que “o goberno local non se moleste o máis mínimo en atender a xestións básicas da súa competencia como pode ser o acondicionamento e mantemento das instalacións de titularidade do Concello”.
Agora no verán esta situación apréciase, especialmente, na falta de limpeza das rúas e colectores do lixo, nos elementos en mal estado das instalacións da piscina municipal ou nas pistas que están aínda sen rozar, a pesar de que xa estamos a mediados de agosto.
Os populares lamentan “a imaxe de descoido total” que proxecta o municipio poñendo como exemplo o mal olor que desprenden os colectores do lixo porque “non se limpan”, igual que as rúas e beirarrúas que, en moitos casos, acumulan sucidade e maleza que constitúen “un perigo para as persoas que pasan por elas”.
Igualmente, explican que “foron xa varios os usuarios e usuarias da piscina que nos trasladaron as súas queixas polo mal estado das instalacións e dos seus vestiarios con elementos rotos ou oxidados”. Dende o Grupo Municipal Popular consideran que “o lóxico antes de poñer en marcha calquera instalación municipal é comprobar o seu estado e facer as reparacións que sexan precisas para garantir a seguridade das persoas que as vaian utilizar” e fan fincapé en que, no caso da piscina municipal, “hai que ter en conta que a maioría dos seus usuarios son nenos e nenas”.
Rozar as pistas, imprescindible para evitar incendios
Os populares advirten tamén da necesidade de rozar as pistas municipais como medida de prevención ante posibles incendios. “As pistas que comunican con zonas forestais atópanse neste momento, a mediados de agosto, sen limpar acumulando maleza que dificulta e, incluso, impide circular aos vehículos por elas”. “Gustaríanos que as pistas e os camiños estivesen limpos de vexetación, pero non é así, e agora non se pode realizar para evitar incendios forestais. A realidade é que o concello tiña un plan de roza de pistas e camiños que non se cumpriu”, denuncian.