BNG Malpica denuncia que Eduardo Parga non está cumprindo coas súas obrigas como alcalde

por Redacción Galicia

Os feitos e polémicas xurdidas nas últimas semanas no noso concello (Mostra de Olería e Mikaela) e as informacións falsas e interesadas vertidas en canto á postura do BNG, poñendo en dúbida o noso apoio e defensa de calquera entidade cultural, social, deportiva ou dos nosos sectores produtivos, demostran a máis absoluta ignorancia política e descoñecemento por parte de quen realiza eses comentarios e afirmacións, xa que o BNG é o único partido político que leva recollido nas súas bases, no seu ADN, a defensa das clases populares e dos sectores produtivos do noso país, como así o levamos demostrando a nivel municipal, autonómico e estatal.

No pasado pleno extraordinario de organización (13 xullo) e no pleno ordinario (28 de xullo), desde o BNG denunciábamos que Eduardo Parga non estaba cumprindo coas súas obrigas como alcalde, porque non estaba a defender os intereses da veciñanza, en concreto dun sector produtivo importante para a economía do noso concello como é a olería e, ante todos estes feitos de enfrontamentos e polémicas coa veciñanza, coas entidades, e cos sectores produtivos, o PP co seu alcalde á cabeza, ponse sempre do lado do Sr. Alfredo Cañizo. O primeiro culpable do que está a acontecer é o alcalde, o Sr. Parga, como máximo responsable do concello de Malpica, mais tamén o son os demais concelleiros e concelleiras do Partido Popular (Miguel Ángel Fernández Mirás, Noelia Freijeiro Novo, María Soledad Blanco Gorín, Rodrigo Mato Garrido e Luis Miguel Fernández García). As veciñas e veciños do noso concello non teñen que pagar as nefastas consecuencias do pacto político entre o Partido Popular e Alfredo Cañizo para gobernar a calquera prezo. O pobo ten que estar sempre por enriba dos intereses individuais e non pode ser vítima de vaidades e da egolatría, por iso dende o BNG pedimos o cese inmediato do concelleiro de Servicios, Festexos e Turismo.

O BNG non vai entrar en controversias nin polémicas nas redes socias, xa que entendemos que o debate debe producirse no lugar marcado para a exposición das diferentes posturas políticas nun acto aberto a veciñanza, que ao noso entender sería nun Pleno Extraordinario, mais o BNG con 2 concelleiros non pode solicitalo xa que se precisa unha cuarta parte, ao menos, do número legal de membros da Corporación Municipal. Correspóndelle pois á principal forza da oposición, PSOE, dar o paso e solicitar a celebración dun Pleno Extraordinario para así confrontar, aclarar e depurar as responsabilidades políticas deste grupo de goberno.

Entendemos e cremos que o Concello de Malpica debe ser un referente na Costa da Morte polo potencial dos seus sectores produtivos, pola súa riqueza patrimonial e cultural, e non o circo mediático e vergoñento no que o está a converter este grupo de goberno formado por AIM e o Partido Popular.

º

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario