O presidente dos populares galegos arrinca o curso político en Cerdedo Cotobade acompañado por Núñez Feijóo e Rajoy, amosando ademais a solidariedade de Galicia co pobo ceutí.
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo hoxe un chamamento á unidade do partido e a «cargar as pilas» de cara aos vindeiros retos electorais. No tradicional acto de inicio do curso político celebrado na Carballeira de San Xusto ante un milleiro de persoas, Rueda contrapuxo a xestión dos populares, baseada no «sentidiño, a humildade e o traballo», fronte ao PSOE galego, que «di si a todo o que manda Sánchez», e o independentismo do «non a todo».
No acto participaron o presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo; o presidente honorífico do PPdeG, Mariano Rajoy; o secretario xeral nacional, Miguel Tellado; a secretaria xeral autonómica, Paula Prado; o presidente provincial de Pontevedra, Luis López, e o alcalde anfitrión, Jorge Cubela.
Rueda asegurou que o PPdeG traballa sen mirar o calendario electoral e amosouse convencido de que o partido está listo para «poñer fin a este pesadelo da man dun Goberno liderado por Alberto Núñez Feijóo». O líder autonómico reclamou un Executivo central «normal, que non discrimine, que non quite a uns para darlle a outros» e que apoie de forma decidida o rural, o mar e a industria galega.
Durante a súa intervención, Rueda trasladou o apoio de Galicia ao pobo ceutí e ao seu presidente, Juan Jesús Vivas, criticando a pasividade do Goberno central e lembrando que «ninguén lle vai dar leccións a Galicia do que significa a emigración con respecto e integridade».
Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, destacou o traballo dos cargos locais que «dan a cara en cada concello mentres outros están de vacacións o detrás duns pancarta», augurando unha consolidación dos gobernos locais e da Deputación. Finalmente, o rexedor de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, amosouse orgulloso de situar de novo o seu municipio no escaparate nacional e amosouse seguro de que «xa queda un día menos para que Feijóo sexa o presidente que España necesita».