Houbo un tempo non tan lonxano onde cando un home nos bicaba sen consentemento, en moitos casos sen ningún tipo de relación entre nós ou sabedores de que non o desexabamos, se lle chamaba «roubar un bico», do mesmo xeito que se chamaba amor a que a túa parella non permitise que levases falda curta ou maquilaxe. A el gustaballe «natural» e con iso xa abondaba, porque o que nos gusta a nós, as mulleres, en infinidade de ocasións é meramente secundario. A romantización do abuso de poder masculino foi a coartada perfecta para manternos sumisas, súbditas dese patriarcado que só nos precisa para o que eles non queren facer e tamén para satisfacer egos e desexos. Vímolo onte novamente en directo, televisado para milleiros de persoas en boa parte do mundo na entrega de trofeos no Mundial Feminino de Fútbol onde o presidente da Federación Española, Luis Rubiales, non tivo problema en bicar na boca a unha das xogadoras campioas, Jenni Hermoso, mentres recollía a súa medalla. Porque si, porque manda, porque é home e ninguén lle vai dicir a quen pode ou non bicar dese ramillete de mozas que están baixo a súa privilexiada posición.
Por se as imaxes non fosen noxentas dabondo, eses medios que branquean a diario fascistas, racistas e machistas, como non ían quitar ferro a ese «bico roubado» do que un xornalista deportivo -Manolo Lama- chegou a dicir que se había tantas mulleres indignadas, era porque non llo deran a elas. Porque claro, as nosas aspiracións pasan porque nos baboseen vellos verdes e somos unhas desagradecidas por non dar aprezo ao detalle. Outros medios deses chamados «progresistas» como La Sexta, deixarono en algo «espontáneo», mira ti Rubiales que maxete e que cercano, tan feliz estaba que se lle ían a língua e as mans. Calquera non se emociona. O propio Rubiales, vista a polémica, tivo tempo para facer pública a súa opinión chamándonos pouco menos que histéricas e gilipollas a todos os demais. Dubidar das intencións dun fulano que pagaba orxías cos cartos da Federación segundo un familiar ao que tiña enchufado de Xefe de Gabinete. Honorabilidade contrastada. É tristísimo que todo isto siga pasando, que tanta loita caia en anacos cunha soa imaxe. Que pasemos do «ai, que marabilla para as nenas que comezan no fútbol este triunfo» a que vexan a crúa realidade onde ser muller, sexa cal sexa o ámbito, segue a ser sinónimo de vítimas do patriarcado en vea. E parece que vai para longo.