Os días 18 e 19 de agosto, Pantón acolleu a cuarta edición do Trece Roeis Fest, ao que se achegaron máis de 7.000 asistentes entre os dous días e unha veintena de artistas do panorama galego e español
A organización do Trece Roeis Fest, tras pechar as portas do campo de fútbol do Baliño e quitar as bandeiras coa súa emblemática raposa da vila de Pantón, fai balance da cuarta edición deste festival de referencia na Ribeira Sacra que achegou á vila a máis e 7.000 persoas os días 18 e 19 de agosto.
Catas de viño e degustacións gastronómicas, feiras de artesanía, actividades infantís e concertos foron algunhas das cousas das que puideron gozar as festivaleiras e festivaleiros que quixeron vivir a experiencia Trece Roeis. Entre as bandas e artistas, atopábanse SFDK, Reincidentes, Kaotiko, Lamatumbá, Benito Kamelas, os valenciás Auxili, Tribade, Catuxa Salom, Lucía Aldao, Sofía Espiñeira, Monoulious DOP, TIAM Gz, o leo de matamá, Uxía lambona e a banda molona, Tregua, Enxeito, Tirapralá, The Poet’s Silence ou os pasarrúas da man de Festicultores Troupe e Baturruka, que encamiñaron tanto o venres coma o sábado aos asistentes ao festival ata o espazo #ViveAexperienciaTreceRoeis, lugar de celebración dos concertos de noite.
Dende a organización do Trece Roeis Fest, un festival sen ánimo de lucro que naceu no ano 2018 da man da asociación cultural Os Trece Roeis, explican que «levamos anos apostando por crear un espazo no que coexistan a música, con especial atención á música en galego, con outras formas de cultura e tradición, coma os obradoiros ou as catas dos viños da nosa Ribeira Sacra e os produtos locais, coa intención de que o festival, tamén sirva para dinamizar o rural, potenciando e apoiando a nosa vila e arredores e creando unha experiencia inclusiva e para todas as persoas independientemente das súas características».
Esta cuarta edición puxo de manifesto que «esta aposta, aínda que arriscada, é acertada, xa que malia que as inclemencias do tempo forzárnnos a adaptar algunhas das actividades e que este ano era o primeiro no que había entrada cun custo simbólico de 30€ os dous días e 20€ un día, máis de 7.000 persoas de dentro e fóra de Galicia, quixeron vivir a experiencia connosco, o que nos anima a pensar na celebración do noso quinto aniversario en 2024», afirman dende a organización.