No evento proxectarase o capítulo Camiños de ida e volta onde a activista Ana Bereciartua conta a súa experiencia relacionada coa emigración e a importancia da Rede como dinamizadora social para o colectivo
Braulio acaba de saír do cárcere logo de cumprir unha condena por facer grafites de dinosauro no patrimonio. Para poder saír do cárcere de Bonxe acepta un titor, Alexandre que, cunha metodoloxía moi peculiar, faralle ver a necesidade de realizar esta webserie documental sobre a Rede Museística como parte da súa reinserción na sociedade. Co paso dos capítulos todo encaixará na cabeza de Braulio. Historias soterradas: Un ronsel de futuro trata de achegar, a través do cine, toda a inmensidade dos catro museos que forman a Rede Museística Provincial de Lugo, pertencentes á Deputación de Lugo. O obxectivo fundamental do proxecto é amosar os contidos materiais e emocionais dos Museos a través dunha historia de ficción, así como documentar a nosa historia e patrimonio, logo de anos de proxecto museolóxico compartido.
Hoxe en día a Rede Museística espállase por todo o mundo como modelo de xestión. Os seus proxectos así como o traballo vencellado á comunidade son referente en congresos e foros museolóxicos. Con este paso, o obxectivo é achegar todo este traballo máis alá aproveitando o formato audiovisual. Así, xunto as personaxes de Braulio e Alexandre, desfilarán artistas, colectivos e asociacións que conforman a comunidade da Rede.
Nesta ocasión, o Señor López, da man de Brian Rodríguez e Rubén Pérez, estrean este proxecto na cidade de Bos Aires, aproveitando o convite da Universidade Nacional Tres de Febreiro, especialmente vencellada ao mundo da emigración, polo seu Museo da Emigración, antigo Hospital e punto de entrada de milleiros de galegos na cidade porteña. No capítulo que presentamos desta vez a protagonista será Ana Bereciartua, importante activista bonaerense e residente en Lugo dende hai moitos anos. O evento poderá seguirse pola aplicación zoom dende Galiza. A presentación comenzará ás 15:00 horas. (Sede Caseros II, Universidade Nacional Tres de Febreiro, Bos Aires).