Saúde Mental FEAFES Galicia fomenta o apoderamento e a autonomía de mulleres con problemas de saúde mental

por Redacción Galicia

As mulleres con problemas de saúde mental frecuentemente resultan invisibilizadas, padecen discriminación en diversos ámbitos e a miúdo sofren a vulneración dos seus dereitos

As mulleres con problemas de saúde mental frecuentemente resultan invisibilizadas e experimentan unha tripla discriminación: o rexeitamento que provoca a discapacidade, o estigma asociado aos problemas de saúde mental e a discriminación derivada de ser muller.

O Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, trata de fomentar a igualdade de oportunidades para reducir a discriminación que sofren estas mulleres. Deste xeito, Saúde Mental FEAFES Galicia traballa con 52 mulleres en diversas localidades galegas para dotalas dunha maior autonomía e independencia que permita mellorar a súa situación persoal, social e laboral.

Para isto, ofréceselles unha atención personalizada e especializada que inclúe información e asesoramento sobre os recursos que teñen á súa disposición, asesoramento  xurídico, mediación familiar, atención psicolóxica ou actuacións para fomentar o acceso ao emprego. Tamén se lles ofrecen ferramentas para aprender a identificar e previr a violencia de xénero e a discriminación da que estas mulleres son vítimas en moitas ocasións.

Ademais, organízanse acción grupais que permiten compartir experiencias e aprender as unhas das outras. Neste senso, realízanse talleres grupais de autoestima e autocoidados, afectividade, sexualidade e anticoncepción, prevención de malos tratos, habilidades sociolaborais para a empregabilidade, etc. O Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade ten unha duración anual e remata o vindeiro 31 de agosto.

Margarita: “Gañei confianza e agora teño a autoestima renovada”

Cando Margarita de chegou a Saúde Mental FEAFES Galicia fai dous anos, atopábase nun momento de moita fraxilidade anímica e emocional. Grazas ao Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, logrou adquirir confianza en si mesma e motivación para emprender novos camiños na súa vida.

“Para min foi unha táboa de salvación; non saia da casa, non quería ver a ninguén, agobiábame a xente. Este programa obrigábame a levantarme, prepararme, saír e socializar; senón eu non tiña motivos para estar fóra, foi unha bendición. Deume confianza en min mesma e agora teño a autoestima renovada”, asegura.

Durante o programa, tamén comezou a facer prácticas nunha empresa na que despois foi contratada. “Grazas a este traballo sentinme valorada, adquirín novas rutinas e puiden ampliar a miña rede social. Co acompañamento que recibín puiden enfrontarme mellor non só ao mercado laboral senón á vida en xeral”, conta Margarita. E engade: “É absolutamente necesario o coñecemento dunha mesma, esa confianza para poder saír ao mundo con máis tranquilidade e mirando de fronte, pois moitas de nós levamos moitos anos mirando cara abaixo”.

Mulleres e saúde mental, moitos ámbitos de discriminación

Numerosos estudos apuntan a que existe unha porcentaxe significativamente maior de mulleres que teñen problemas de saúde mental. A OMS marca esta porcentaxe en torno ao 70% (fronte ao 30% dos homes) no caso de, por exemplo, a depresión e a ansiedade. En España, case o 23% das mulleres están diagnosticadas cun problema de saúde mental, mentres que as cifras baixan ata o 14,6% no caso dos homes. Tamén destaca a maior frecuencia de consumo de psicofármacos nas mulleres.

A OMS indica que unha de cada catro mulleres padece algún problema de saúde mental durante o embarazo e o posparto, un dos problemas de saúde máis incapacitantes durante o período perinatal. O desexo incumprido de ser nai, unha mala experiencia no parto, a violencia obstétrica, un aborto ou a morte perinatal tamén poden ser desencadenantes dun problema de saúde mental para as mulleres.

Por outra banda, a OMS considera, dende 2005, que a violencia contra as mulleres é un problema de saúde pública mundial. No caso das mulleres con problemas de saúde mental, as cifras aumentan considerablemente: 3 de cada 4 mulleres con enfermidade mental grave sufriron violencia na familia ou coa súa parella nalgún momento da súa vida; cerca do 80% das que estiveron nunha relación sufriron violencia e o 42% non a identifican como tal; e o risco de que unha muller experimente violencia na parella multiplícase entre 2 e 4 veces máis cando ten un problema de saúde mental.

Con todo, a pesar de que a saúde mental das mulleres se recoñece como o campo de maior impacto no benestar individual, familiar e social, non existe unha abordaxe de xénero nas políticas de saúde mental. Tamén é escaso o enfoque de xénero nas intervencións sanitarias e sociais dos problemas de saúde mental, así como na avaliación das mesmas.

Para reverter esta situación, cómpre impulsar servizos públicos de información, orientación e atención sociosanitaria con perspectiva de xénero, así como reclamar o dereito das mulleres con problemas de saúde mental a recibir unha atención en igualdade e con todas as garantías nos diversos ámbitos das súas vidas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario