A Representación Sindical dos Bombeiros Comarcais de Galicia explicou nun comunicado as últimas informacións sobre a folga
No día de hoxe, a Representación Sindical dos Bombeiros Comarcais de Galicia solicitou formalmente unha reunión coa Xunta de Galicia e as Deputacións Provinciais para o vindeiro 05 de setembro, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais.
Dende o 02 de agosto a parte traballadora buscou sen éxito reunirse coas Administracións para achegar posturas, recibindo por resposta que os responsables políticos de prestar o Servizo de Emerxencias ían de vacacións e non estaban dispoñibles para solucionar un problema que ten afección directa na cidadanía.
A representación dos traballadores tentou de tódolos xeitos posibles achegarlles un Protocolo de Colaboración coa finalidade de establecer un marco de diálogo e colaboración en aras a normalizar o funcionamento dos catro consorcios provinciais de Bombeiros .
Este documento contén as nosas achegas e a nosas pretensións que non son outras que as que persegue a Folga Autonómica convocada que é a de estabilización de prazas do persoal e a firma dun Convenio Colectivo común para os Bombeiros pertencentes os 4 Consorcios Provincias, facilitando así que a Xunta de Galicia asuma as súas obrigas (que ven incumprindo dende o ano 2010) respecto da Lei 5/2007 de Emerxencias de Galicia, que na súa Disposición Adicional Terceira establece que a Xunta impulsará asaccións necesarias para homoxeneizar no prazo de tres anos as prestacións e condicións de traballo do persoal dos Consorcios Provinciais.
Este documento que se lle enviou ás Administracións vai na liña do que propuxeron o pasado 02 de agosto e que empregaron para marcharse de vacacións sen solucionar nada pero cunha escusa ante a poboación por se acontecía algo agora que o servizo non se está a prestar con normalidade.
Queremos recordar que a Responsabilidade de prestar o Servizo de Emerxencias é da Xunta de Galicia e das Deputacións Provinciais. Que os PECHES dos Parques, que se están a producir a diario por toda Galicia, prodúcese pola ineptitude e falta de capacidade dos nosos dirixentes. A pesares de que os traballadores estamos en Folga dende o día 15 de xuño, ata o de agora non se secundou a folga por parte de ningún traballador e a única medida que se está a tomar dende a parte traballadora é a de cumprir có horario e as quendas establecidas por cuadrante, que son as máximas establecidas por lei, e non facer horas extra voluntarias. Soamente con isto demostramos o servizo precario, mal dimensionado e nefastamente xestionado que prestan Xunta e Deputacións a través do Consorcios Provinciais.