Catro feridos ao derrubarse unha árbore no camping das Illas Cíes

por Redacción Galicia

Foi necesaria a coordinación entre medios aéreos, marítimos e terrestres para evacuar aos catro feridos

Dous deles foron trasladados a bordo do helicóptero de rescate Pesca I, de Gardacostas de Galicia, mentres que os outros dous tiveron que ser evacuados pola embarcación Salvamar Mirach, de Salvamento Marítimo.

Os feitos tiveron lugar ao fío das 04:50 horas da madrugada de hoxe. Neste momento, diversos particulares chamaron ao 112 Galicia para informar dunha árbore caída sobre unhas tendas de campaña na zona de cámping das Illas Cíes. Malia que, inicialmente, os alertadores indicaban a posibilidade de que houbesen persoas con dificultades para abandonar os seus aloxamentos, logo comprobouse que todos os feridos estaban liberados e accesibles.

Nada máis ter constancia dos feitos, desde o 112 Galicia púxose en marcha un operativo que contou coa intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos equipos de Gardacostas de Galicia e Salvamento Marítimo. Ademais, co fin de coñecer as circunstancias do suceso, ata o lugar acudiron axentes da Policía Nacional e Local.

Finalmente, os catro feridos foron evacuados ao centro hospitalario de referencia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario