O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou hoxe as dúas grandes prioridades que o Partido Socialista de Galicia defenderá no 40º Congreso Federal do PSOE, que se celebra en Sevilla dende hoxe ata o domingo: a necesidade dunha maior e axeitada financiación local e o compromiso irrenunciable coa igualdade de xénero.
Besteiro destacou que “estes son dous eixos clave para mellorar a calidade de vida da cidadanía, porque só desde unha financiación xusta podemos garantir servizos públicos de calidade nos nosos concellos e avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria, libre de discriminacións”. Neste sentido, lamentou que o PP, tanto no goberno como na oposición, sempre intente afogar aos concellos e obstaculizar todos os avances das mulleres neste país”.
No marco deste congreso, unha cita fundamental para o socialismo en España, Besteiro reafirmou que o PSdeG «traballará xunto aos compañeiros e compañeiras de toda España para renovar forzas e seguir consolidando o liderado do noso país en Europa”. Lembrou ademais que España é «o país que máis medra na zona euro, grazas ás políticas de progreso e á aposta polo benestar que lidera o Goberno de Pedro Sánchez”.
O líder dos socialistas galegos non perdeu a oportunidade de sinalar as carencias do principal partido da oposición, poñendo o foco na incapacidade de Alberto Núñez Feijóo para xestionar tanto o seu partido como a súa proposta de goberno para o país. «Feijóo quere gobernar España cando é incapaz de gobernar nin sequera o seu propio partido», afirmou Besteiro, engadindo que o líder do PP «nin se atreve a celebrar un congreso federal». Asimesmo, lembrou que esta mañá, na Comisión de Investigación sobre o sobrecusto do Cunqueiro e os contratos a dedo a amigos e familiares de altos cargos do PP, «Feijóo non foi quen de dar a cara e mandou a Rueda».