Comezará o 14 de setembro con prazas limitadas e inscrición de balde a partir deste venres
Fomentar a lectura de teatro en galego é o obxectivo do novo obradoiro que promove o departamento de Cultura da Deputación da Coruña ao abeiro do Premio Rafael Dieste que se concederá en setembro. Está coordinado polo último gañador do Dieste, Roberto Pascual, baixo o título «Ler teatro: Obradoiro para novas experiencias lectoras» e comezará o xoves 14 de setembro na Biblioteca provincial da Coruña.
Durante catro sesións, o obradoiro será un espazo para experimentar con textos teatrais da experiencia lectora e comprender que hai de diferencial nun guión que apela constantemente ao voo da escena. O dramaturgo, profesor e investigador galego, Roberto Pascual, deseñou un programa para ler, contextualizar e descubrir escritoras e escritores teatrais das nosas letras e do noso proceso de emerxencia cultural.
Está dirixido a persoas interesadas en aproximarse ao teatro galego, á súa historia recente e experimentar a lectura de textos teatrais. A cita será semanal, ás 19:00h, durante catro xoves: o 14, 21, 28 de setembro e o 5 de outubro. En todas as sesións participarán actrices, dramaturgas e creadoras escénicas como María Vázquez – protagonista da exitosa película galega «Matria» – , Esther F. Carrodeguas, Marián Bañobre ou Rocío González.
Ademais, as persoas participantes no obradoiro rematarán a formación cunha listaxe de libros de teatro recomendados polo coordinador e exemplares dos últimos Premios Rafael Dieste da Deputación da Coruña.
A inscrición é de balde con prazas limitadas ata 25 persoas. O prazo para inscribirse abre o venres 1 de setembro a través do formulario online que se activará en www.dacoruna.gla/biblioteca.
PROGRAMA «Ler teatro: Obradoiro para novas experiencias lectoras»
- Día 1. (14 de setembro): A historia da literatura dramática galega foi estudada por varios especialistas. Laura Tato, Manuel Vieites, Dolores Vilavedra ou Henrique Rabuñal, entre outros, ofreceron varias posibilidades de periodización e sistematización dos trazos formais da literatura galega recente. Leremos textos representativos dos diferentes períodos que van da xeración Abrente até as novas voces xurdidas arredor da ESAD, do novo Abrente, das xornadas impulsadas pola Asociación DramaturgA ou de novos certames coma o Laudamuco.
Convidada: María Vázquez, actriz.
- Día 2. (21 de setembro) Accións e intervencións, poesía, relato, trama e paisaxe. Como ler os diversos estilos teatrais? Unha peza pode ter unha estrutura en escenas, cadros, actos, capítulos… Pode ter personaxes ou voces, propor a construción de figuras de ficción ou de actantes-executantes. Pode contarnos unha historia ou recrear atmosferas e paisaxes. Pode ser un anaco de vida no teatro realista ou unha dilatación ou variación rítimica dunha situación ou ambiente no teatro máis simbolista. A literatura dramática galega contemporánea ofrécenos todos eses exemplos. Leremos fragmentos de obras de Esther Carrodeguas, Roberto Salgueiro. Raúl Dans e Avelina Pérez.
Convidada: Esther F. Carrodeguas, dramaturga, actriz e produtora.
- Día 3. (28 de setembro) Ler os Premios Rafael Dieste. O Premio Rafael Dieste é todo un referente de prestixio no sistema teatral galego. En 2021 chegou á súa edición número XX e grazas ao acordo de colaboración tamén coa ADE, dende hai uns anos conta cun impulso de tradución e edición bilingüe, con introducións críticas nas publicación desta Asociación de proxección estatal. Lecturas comentadas de fragmentos de Gustavo Pernas, Teresa Moure, Manuel Lourenzo e Roberto Vidal Bolaño.
Convidada: Rocío González, actriz.
- Día 4. (5 de outubro) Lemos o premio Rafael Dieste 2021 que este ano será levado a escena e convidamos ao gañador/a 2023. Sophie non é meu nome de guerra (2021) e o autor/a gañador/a de 2023. Convidados para lectura dramatizada: Autor/a gañador/a do Premio Rafael Dieste 2023 e Marián Bañobre, directora, actriz e creadora escénica.