Ameijide condena “a deixadez do bigoberno” por non reparar unha canalización de augas que inundou vivenda fai 8 meses

por Redacción Lugo

Os populares cren que “o goberno da Deputación debería ter actuado xa” e, polo tanto, urxen a mellorar a canalización e drenaxe da vía “de forma inmediata” para evitar que volva inundar a vivenda na época de fortes chuvias

“O bigoberno provincial desatende cuestións básicas que prexudican directamente aos veciños da provincia”, segundo considera o voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide. O portavoz comprobou -acompañado pola vicevoceira, Carmen José López, o deputado mariñán José María Fernández e o alcalde de Mondoñedo, Manolo Otero- que “aínda non foron capaces de reparar a canalización de augas pluviais nunha das marxes da estrada provincial LU-P- 3103, a pesar de que a súa rotura provocou a inundación dunha vivenda próxima á Escola de Santa María Maior o pasado 1 de xaneiro”.

Os populares condenan a “deixadez do goberno que preside Tomé que prexudica aos veciños de concellos gobernados polo Partido Popular”. Dende o Grupo Provincial Popular consideran que a canalización se debería ter reparado: “dende xaneiro tiveron tempo dabondo para xestionar esta necesaria actuación que se puido levar a cabo aproveitando a ausencia de choivas no verán”.

Ameijide urxe a dar solución a este problema “de forma inmediata” para evitar que na época de fortes chuvias, cando a canalización ten que soportar grandes volumes de auga do drenaxe da estrada provincial e a auga que recolle toda a superficie da estrada “volva inundar unha vivenda na zona da Escola de Santa María Maior”. Polo tanto, dende o Grupo Provincial Popular piden que a canalización teña capacidade suficiente para conducir o gran caudal de auga que recolle dende as estradas situadas no máis alto e, ademais, que se constrúa un novo tramo evitando que pase por debaixo da vivenda que resultou afectada pola inundación tras romper a canalización poucos metros antes.

Por outra banda, “o parque móbil da Deputación non aparece para nada polas estradas do termo municipal de Mondoñedo” o que os populares consideran “outro exemplo de discriminación aos Concellos con gobernos do Partido Popular”; xa que “aos concellos veciños de Lourenzá e Trabada van con frecuencia”.

Mal estado das vías provinciais

Os populares tamén advirten da necesidade de reparar o pavimento nesta vía que conecta Lindín coa LU-124 en Santa María Maior, entre este último núcleo e o lugar de Braña. Igualmente, o rexedor local apunta outras deficiencias nas estradas provinciais ao seu paso polo termo municipal de Mondoñedo como é o caso da LU-P-3105 onde “falta por ensanchar un tramo de 400 metros”. E, entre outras vías nas que é conveniente renovar o firme, nomea a LU-P-3108 (Viloalle-Figueiras) que nos últimos tres quilómetros se atopa en moi mal estado, igual que o tramo da LU-P-0211 (Adelán – Figueiras) ao seu paso polo termo municipal mindoniense.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario