Os proxectos dos parques da Praza do Concello, A Milagrosa, Eduardo Pondal e Razo están en fase de contratación
A área recreativa da Ponte de Bértoa de Carballo será obxecto nas vindeiras semanas dunha reforma integral. A empresa Jardinería Arce vén de iniciar as obras, que teñen un orzamento de 150.000 euros e que inclúen a renovación de todo o espazo.
Como en todas as obras do plan de renovación dos parques infantís, non se trata unicamente da instalación de novos xogos senón tamén de mellorar a accesibilidade e a inclusión mediante a introdución de xogos adaptados, ademais de crear espazos para o descanso das persoas adultas e maiores, fomentando o vínculo emocional; promover a utilización do espazo público para o deporte e o ocio, e fomentar a mobilidade sostible.
Na Ponte de Bértoa, en concreto, o proxecto prevé a instalación de céspede artificial especial para parques infantís en varias cores, e de xogos inclusivos. Tanto a pista polideportiva coma a nova área de calistenia que se creará disporán de pavimento continuo de formigón pulido. Na zona deportiva marcaranse os campos de fútbol sala, balonmán e baloncesto e renovarase tanto o cerramento da pista coma o equipamento deportivo. Ademais está prevista a reposición do peche perimetral de madeira.
Nestes momentos está pendente de adxudicación o proxecto Carballo para a infancia, que prevé un investimento de 550.000 euros nos parques das prazas do Concello, A Milagrosa e Eduardo Pondal. O proxecto será cofinanciado polo Concello e a Deputación da Coruña, que achega o 80% do orzamento. A actuación prevista nos tres espazos seguirá a liña das realizadas nos parques do Chorís e do Hospital e complementarase coa mellora das zonas axardinadas, que forma parte doutro contrato que está en execución nestes momentos e que reforza o carácter integral das intervencións.
Por outra banda, ata o 19 de setembro está aberto o prazo de licitación á obra de reforma integral do parque infantil de Razo, que ten un orzamento de 146.125,13 euros.