O PP de Vilalba condena a “falta de xestión” do Goberno local ao solicitar á Xunta ampliar as prazas do comedor da escola infantil unha vez iniciado o curso

por Redacción Lugo

O PP condena que “o goberno vilalbés traballa o mínimo, só á última hora e para intentar desviar a atención e culpar a outros da súa ineficacia: fai as cousas a medias e pretende que a Xunta acepte algo que non está debidamente xustificado”

O Grupo Municipal do PP de Vilalba condena “a total falta de xestión por parte do goberno local” porque “traballa o mínimo, só á última hora e para intentar desviar a atención e culpar a outros da súa ineficacia”.

Os populares explican que «o goberno local solicitou á Xunta a ampliación do convenio para sufragar parte do servizo de comedor na Escola de Educación Infantil (EEI) en dúas ocasións e nos dous casos evitou xustificar o número de prazas». É dicir, «o goberno local fai as cousas a medias e pretende que a Xunta, neste caso, acepte algo que non está debidamente xustificado».

“Hai que ter en conta que no mes de xullo, cando xa se coñecían os datos da matrícula, o Concello anunciaba a ampliación de prazas no comedor escolar das 45 existentes ata as 67; pero non foi ata o 13 de setembro -unha vez comezado o curso- cando volve solicitar á Xunta a modificación do convenio para aumentar o número de prazas e, de novo, sen xustificar o número”, sinalan.

Dende o PP de Vilalba aseguran que “a Xunta estuda esta nova modificación, pero o que non pode pretender o goberno do Concello de Vilalba é que os trámites se resolvan nun día”.

Ademais, os populares especifican que “a Xunta de Galicia e o Concello de Vilalba asinaron unha addenda ao convenio o 17 de agosto onde se recollía un aumento da achega da Xunta por alumno e día dos 2,5 aos 2,75 euros”. E aclaran que, atendendo á normativa, cunha nova addenda na que se recollan as 67 prazas, o importe que achegará a Xunta será de 2,20 euros ao pasar de 50 os alumnos e alumnas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario