De xeonllos. Por @DulceCorcu

por Dulce Corcu
É tan aberrante, denigrante e humillante esa foto, que parece incrible que houbese alguén que lle dese o visto bó e moito menos para unha foto oficial. Son as integrantes da selección española de Ximnasia Rítmica, que lograron a medalla de bronce no campionato do mundo desputado en Valencia, recibidas na Generalitat desa mesma Comunidade polo seu presidente, Carlos Mazón e resto de autoridades. Hai un vídeo do acto que recolle as queixas do President, entendendo con bo xuízo que esa non era unha postura axeitada, pero parece que son os responsables de protocolo da propia Federación quen insisten e, finalmente, a foto faise así, de xeonllos. Nun momento onde o foco está posto coma nunca sobre o deporte feminino, denota unha absoluta falta de sensibilidade e tamén -porque non dicilo- de desprezo a unhas deportistas que non merecen nin deben posar axeonlladas ante ninguén.

Mentres a contraofensiva machista e ultrafacha ataca por todos os flancos tentando desacreditar a unha Jenni Hermoso que, para esas faccións, non cumpre os estándares de vítima porque segue respirando e ademais ten a ousadía de vivir e divertirse, como se iso restase valor ao que lle fixeran. O propio sería pecharse na casa ao estilo Bernarda Alba, que ninguén a vise máis que compunxida e dolorosa porque do contrario, quen a vai crer? Desgrazadamente, iso é válido incluso para moitos xuíces, que reflicten nas súas sentenzas non só os feitos concretos, senón que seis meses despois estiveses nunha terraza cunhas amigas tomando algo relaxadamente. Tanto non abusarían dela, logo. É a loita de cada día, os pasos adiante que damos para volver atrás en segundos cada vez que se cuestionan as consecuencias do machismo. Onte, no mesmo día, dúas mulleres asasinadas, unha pola súa parella e outra pola ex parella, que a tivo secuestrada durante horas porque xa non quería estar con el. E iso si que non, antes mátoa. E matouna. Porque de xeonllos é coma nos queren, como nesa foto horripilante onde unhas nenas aínda sorrín, sen darse conta de que están aí polo seu propio mérito e ninguén merece que as poñan así para saír ben retratados todos os demais.
Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario