José Luis Rodríguez Zapatero foi, durante décadas, o referente moral e político máis sólido do socialismo español. A súa etapa de goberno lémbrase por fitos que transformaron a arquitectura social de España: a fin do terrorismo de ETA, a aprobación do matrimonio homosexual ou o pulo á protección dos dereitos fundamentais. Alén disto, dende 2018, Zapatero experimentou unha segunda xuventude política, converténdose no escudeiro máis potente de Pedro Sánchez, un valor electoral de primeira orde que actuou como a «reserva espiritual» do PSOE estatal nos seus momentos máis críticos. Ate esta terza, 19-M, Zapatero era un activo imbatíbel; hoxe, un auto xudicial sitúao como o «vértice» dunha rede de influencia que choca de vez, sexa cal for a fin do procedemento penal, con esa imaxe de desinterese público.
A interlocutoria do maxistrado Calama (Tribunal Central de Instancia, que instrúe no orde penal os procedementos que xulga despois a chamada Audiencia Nacional, sucesora dende 1977 do Tribunal de Orden Público franquista) presenta a tese de que Zapatero non sería un colaborador ocasional, senón o líder estratéxico dunha estrutura organizada. O máis rechamante é que esta rede tería operado dende a súa propia oficina como ex presidente de Ferraz, utilizando canles corporativas como o correo xestionado pola súa secretaria María Gertrudis Alcázar. O xuíz ve aquí un «coñecemento e dominio organizativo», suxerindo que a oficina de Zapatero abeiraba o suposto centro de coordinación dunha operativa económica de alto nivel.
Esta rede, cualificada internamente polos investigados como un «equipo» ou «boutique financeira», tería actuado na sombra baixo o control da contorna directa do expresidente, representada por Alcázar e o xestor Julio Martínez Martínez, encargado da loxística societaria e representante legal da consultora Análisis Relevante. O núcleo da imputación reside na suposta intermediación para favorecer á aeroliña Plus Ultra ante a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI). O auto recolle conversas onde terceiros se refiren a Zapatero como a «panca» ou o «pana» necesario para abrir portas institucionais. A cambio, o fluxo económico tería sido constante: a sociedade Análisis Relevante tería canalizado preto de 491.000 euros cara a Zapatero e outros 240.000 euros cara a Whathefav SL, a empresa administrada polas súas fillas. O xuíz sospeita que esta última actuaba como unha «sociedade finalista» para diluír a tracexabilidade do beneficio económico.
En realidade, o material indiciario —absolutamente insuficiente para condenar nin para levar a xuízo a Zapatero, pero si para lle preguntar en sede procesual sobre a súa eventual participación nos feitos, pregunta que no noso sistema de garantías esixe a atribución previa da cualidade xurídica de investigado, o que porén conleva de certo a chamada en castelán “pena de banquillo”— descansa exclusivamente sobre tres elementos esenciais:
1.-Que a hipotética intermediación de ZP obtivese da SEPI para Plus Ultra o préstamo de 53 M€ outorgado a fins do verán de 2021.
2.- Que a obtención de dito préstamo se vinculase a unha influencia directa ou indirecta exercida por un Zapatero absolutamente alleo naquel momento á estrutura da SEPI e da Administración do Estado.
3.- Que a sociedade off shore que recibiu de Plus Ultra, despois do ingreso do préstamo, o pago dun 1% de suposta comisión pertencese a Zapatero directa ou indirectamente.
Se falla algún dos dous primeiros elementos, non hai caso. Se falla o terceiro, decae a acusación de falsidade documental, xa que as facturas emitidas por Zapatero como persoa física e/ou pola sociedade das súas fillas non estarían vinculadas a dita comisión, decaendo nos mesmos termos as acusacións de organización criminal e branqueo de capitais. E, en canto ao delito que quedaría en pé como posible (tráfico de influencias), habería que acreditar a efectiva influencia ilícita, dando un salto máis aló da mera actividade lobbística. Sobre que ministros, secretarios de Estado ou altos funcionarios informantes tenta influir Zapatero e de que xeito? U-la fonte da efectividade potencial desa influencia?
Preguntarán vostedes… ¿e se a Fiscalía presiona a Alcázar e a Martínez ofrecendo beneficios como se lle ofreceron a Aldama? Pois si, podería cambiar o escenario, mais só no suposto de que achegasen as probas que non achegou Aldama no Tribunal Supremo no recente xuízo a Koldo García e ao exministro Ábalos, arestora pendente de sentenza.
Non podemos deixar de comparar este escenario co dos seus predecesores, Felipe González e José María Aznar. Ambos os dous , logo de cesaren na presidencia do Goberno do Estado, despregaron unha intensísima actividade lobbística (nunca investigada) para terceiros, pero sempre traballando para importantes multinacionais españolas, británicas ou norteamericanas. Nunca ningún órgano da Fiscalía se preocupou o máis mínimo polas súas actividades, que dende logo lles reportaron bastantes máis ingresos que a Zapatero as súas, polo menos á vista da información que coñecemos a data de hoxe.
Até aquí a análise xurídica. Probabelmente o caso non chegue a xuízo ou remate nunha sentenza absolutoria. Porén, no plano político cómpre preguntarnos: ¿son compatíbeis o Zapatero lobbista e o Zapatero referente político? ¿Pode coexistir o líder que percorre mitins defendendo a ética do PSOE co consultor que recibe pagos de seis cifras por servizos fronteirizos ou coincidentes coa actividade lobbística? O certo é que o protagonismo político, como dixo o falecido presidente uruguaio Pepe Mujica, non se amosa moi compatíbel coa dedicación preferente á actividade empresarial, máxime cando o Dereito Público che ofrece como alternativa á túa dedicación política ou político-cidadá un soldo anual de 100.000 € polo teu labor no Consello de Estado, ao que lexitimamente renuncias para desenvolver esa actividade empresarial de consultoría moi dificilmente disociábel da túa axenda de ex presidente.
P.S.: Asombra a precisión coa que o Partido Popular parece manexar os tempos e detalles xudiciais deste caso, suxerindo unha revelación interesada-que sería absolutamente ilegal- para erosionar ao Goberno do Estado a través do seu mentor. Curiosamente, ademais, só dous días despois do revés do presidente andaluz Juanma Moreno, ao perder a súa maioría absoluta. A Presidenta do Consello Xeral do Poder Xudicial e os ministros de Interior e Xustiza terían que preocuparse polas continuas filtracións nos distintos niveis da chamada Audiencia Nacional, da UDEF e da UCO.
Por certo, no Tribunal Central de Instancia, que instrúe para que xulgue a chamada Audiencia Nacional, parece que se lle outorgou de facto o monopolio da investigación ao criterio da UDEF da Policía Nacional e da UCO da Garda Civil, abdicando da arquitectura normativa das leis de axuizamento criminal e orgánica do Poder Xudicial.