Delegados de máis de 90 países estarán do 25 ao 29 de outubro no encontro profesional máis importante da industria musical mundial
WOMEX – Worldwide Music Expo, o encontro musical máis internacional e culturalmente diverso do mundo reunirá na Coruña a máis de 3.000 profesionais da industria musical de todo o mundo na súa 29ª edición. A Coruña converterase, entre os días 25 e 29 de outubro, no epicentro desta nova onda de talento musical coa presenza de promotores de concertos, representantes de artistas, selos discográficos, institucións, conferenciantes, xornalistas nacionais e internacionais e artistas de todo o mundo, nun completo programa que inclúe feira profesional, conferencias, cinema e concertos en formato showcases.
WOMEX foi presentado esta mañá en María Pita pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey. A rexedora estivo acompañada Jacobo Sutil, director do AGADIC; Natividad González, deputada de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís e Antonio Viejo, director de Asuntos Corporativos de Hijos de Rivera. Desde os seus inicios, o obxectivo de WOMEX foi sempre brindar unha plataforma aberta e igualitaria para artistas de todo o mundo que representan diversos estilos musicais e culturas, transcendendo fronteiras e reinventando os xéneros a través dos seus sons, creatividade, colaboracións e producións musicais.
Diversos sons, ritmos e culturas reuniranse para celebrar a diversidade e a creatividade musical da man de artistas e profesionais da música de todo o mundo en diferentes espazos da cidade. Palexco, o Teatro Rosalía de Castro, o Teatro Colón, o Palacio da Ópera, a Filmoteca de Galicia, o Parrote, o Playa Club ou a Sala Pelícano converteranse nos escenarios perfectos para gozar das diversas propostas que aterrarán na cidade.
Tras recibir máis de 1.500 propostas, máis de 60 artistas e bandas procedentes de 40 países foron os elixidos para transformar A Coruña na capital mundial da música. A programación, comisariada por un equipo de expertos, garante entreter o público e mostrar o incrible talento de artistas emerxentes e de renome. Grazas a unha convocatoria de propostas inclusiva que dá a benvida a artistas de todo o mundo, o programa é elixido meticulosamente polo xurado independente WOMEX, tamén coñecido como os ‘7 Samurais’. Cinco expertos dedicados a seleccionar propostas de showcases e dúas mentes visionarias enfocadas en dar forma ás conferencias. Un dos compoñentes desta listaxe de artistas seleccionados polos ‘7 Samurais’ foi o galego Baiuca, que mostrará a súa particular reinterpretación da música popular galega a todos os asistentes.
Jazz fusionado con música clásica e as cores de América Latina, instrumentos burkineses mesturados cos sons industriais de electro-guitarra e batería punk, afro-pop eléctrico ou guitarras psicodélicas son só algúns exemplos das experiencias únicas das que poderán gozar todos os asistentes nestes 5 días repletos de diversidade cultural e musical.
A programación oficial de WOMEX 23 completarase cunha interesante e ampla proposta de sesións de conferencias e networking, presentacións de películas e o programa Club Summit, unha selección de DJs e produtores de música electrónica das escenas underground de todo o mundo.
Escenario local: ‘Atlantic Connections’
Uno dos pratos fortes de WOMEX 23 será o escenario ‘Atlantic Connections’. “Trátase dun escenario local que nace da aposta por representar e apoiar os talentos de Galicia e as súas conexións”, sinala a alcaldesa, Inés Rey. Unha plataforma única para lembrar as fortes conexións de Galicia, o idioma e a migración que deron forma ao vibrante tapiz musical e os seus profundos lazos con América Latina, xunto coa representación da Península Ibérica e Canarias.
‘Atlantic Connections’, que conta co apoio de ICEX – Sounds from Spain, Xunta de Galicia, Etxepare Euskal Institutua, ICEC – Instituto Catalán das Empresas Culturais, BM&A – Brasil Música & Artes e WHY Portugal, reunirá no Teatro Rosalía da Coruña a artistas procedentes de Galicia, País Vasco, Cataluña, Canarias, Brasil, Portugal, Cuba e Arxentina.
Concerto de apertura
O concerto de apertura é un dos momentos máis agardados de cada edición de WOMEX. Este ano estará dedicado, como non podía ser doutra maneira, á figura de Pablo Picasso baixo o título “Resounding Picasso: Celebrating The Master’s Journey” no 50 aniversario do falecemento do artista. Ademais, o propio 25 de outubro, a inauguración de WOMEX na Coruña coincidirá co aniversario do seu nacemento. “A nosa cidade está inmersa este 2023 na Celebración Picasso, dando espazo e visibilidade á súa obra e orixe coruñesa na programación cultural de todo o ano”, indicou Inés Rey.
Para poñer en valor a vida de innovación artística continua de Picasso e honrar a súa profunda conexión coa súa terra natal, o ‘Opening Concert’ de WOMEX 23 estará protagonizado por catro bandas ou artistas que representan catro lugares conectados coa súa infancia e mocidade: Niño Josele, desde Andalucía, onde naceu; Caamaño & Ameixeiras, de Galicia, onde iniciou a súa andaina artística, a manchega Karmento e o dúo Torta Relena, desde Cataluña, onde realizou a súa primeira exposición e conectou cos artistas máis vangardistas. Unha viaxe artística e musical que conta coa colaboración do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), a Xunta de Galicia, ICEX/ Sounds from Spain e o ICEC – Instituto Catalán das Empresas Culturais.
A Coruña, capital das músicas do mundo
WOMEX, un dos grandes eventos da axenda cultural a nivel mundial, desenvólvese cada ano nunha cidade europea con proxección como destino turístico, capacidade estrutural para acoller grandes eventos e unha visión ambiciosa na súa política cultural. Na súa 29ª edición, A Coruña foi a cidade seleccionada por reunir todas esas condicións. “O desenvolvemento de WOMEX 23 constitúe unha oportunidade única para demostralo, posicionando a cidade como referente internacional no ámbito da música e a diversidade cultural”, dixo Inés Rey.
Durante o mes de outubro, A Coruña converterase na capital mundial da música, albergando un encontro que aúna negocio e cultura. “Será un evento que terá un indubidable efecto en canto á súa achega á enerxía cultural da cidade ademais do innegable retorno económico”, apuntou a rexedora, que engadiu: “A Coruña é unha cidade con vocación multicultural, artística e vangardista que, grazas á programación da maior feira da industria musical, poderá darse a coñecer ao resto do mundo e atraer novas propostas de negocio, coa presenza dos máis de 3.000 delegados procedentes de todo o mundo, aos que daremos a benvida o próximo 25 de outubro”. Segundos as primeiras estimacións WOMEX xerará na cidade medio millar de postos de traballo directos e indirectos e un retorno económico de 2,5 millóns de euros.
A pesar do carácter profesional do evento, a organización sacará á venda durante os próximos días un número limitado de entradas para público xeral. O encontro está promovido polo Concello da Coruña, e conta co patrocinio de Estrella Galicia e o apoio institucional da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM).
Selección oficial
● Ánnámáret (Finlandia)
● Baiuca (Galicia)
● Cocanha (Francia)
● Danûk (Siria/Turquía/España)
● Elephant Sessions (Reino Unido)
● Florencia Adooni (Ghana)
● Haepaary (Corea do Sur)
● Ko Shin Moon (Francia)
● La Sonora Mazurén (Colombia)
● Les Héritières – Tributo a Cheikha Rimitti (Arxelia/Francia)
● Livia Mattos (Brasil)
● Mouvman Alé (A Reunión)
● Ustad Noor Bakhsh (Pakistán)
● 79rs Gang (EE. UU.)
● Ana Carla Maza (Cuba/España)
● Avalanche Kaito (Burkina Faso/Bélgica)
● Bamba Wassoulou Groove (Malí)
● Barmer Boys (India)
● DefMaa Maa Def (Senegal)
● Elshan Ghasimi (Irán/Alemaña)
● Erini (Grecia/Estados Unidos)
● Francesco Loccisano – Marcello De Carolis «chitarra battente duo» (Italia)
● Gordie MacKeeman y sus Rhythm Boys (Canadá)
● Killabeatmaker (Colombia)
● Kin’Gongolo Kiniata (RD Congo)
● Kutu (Etiopía/Francia)
● Liraz (Israel/Irán)
● Matt Carmichael (Reino Unido)
● Puulup (Estonia)
● Roger Damawuzan (Togo/Francia)
● Symbio (Suecia)
● Teo Collori & Momento Cigano (Eslovenia)
● Widad Mjama & Khalil Epi (Marrocos/Túnez/Francia)