O Grupo Socialista reclama un plan de impulso da I+D+i en Galicia

por Redacción Galicia

Leticia Gallego alerta de que a falla de investimento por parte do goberno galego sitúa a Galicia nos últimos postos do investimento en innovación do Estado

A portavoz de I+D+i do Grupo Socialista, Leticia Gallego, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que impulse o investimento en innovación e medidas para a retención, retorno e atracción de talento científico. Gallego alerta do desleixo no Executivo autonómico na materia, que ten relegado a Galicia aos últimos postos do Estado en I+D+i.

Gallego reclama un incremento progresivo do investimento en I+D+i por parte do Executivo, partindo dun 0,4 por cento do PIB para situar a Galicia no camiño de acadar o horizonte do 3 por cento do PIB. Do contrario, alerta, “seguiremos sendo os últimos en I+D+i”, xa que “mentres outras Comunidades avanzaron moito, a nosa queda rezagada”, tal e como reflicte o Índice de Competitividade Rexional da UE, que sitúa a Galicia no posto 149 no ránking de 234 rexións.

Advirte que neste momento Galicia é a sexta Comunidade Autónoma menos innovadora, ademais de que se ten situado claramente por debaixo do Norte de Portugal, que é un dos seus competidores máis importantes.

Así o sinalan as conclusións da Memoria Socieconómica de Galicia 2022, elaborada polo Consello Económico e Social, e que alerta do precario investimento galego en I+D. O gasto en I+D+i de Galicia sitúase no 1,1 por cento do PIB, fronte ao 1,4 de España e o 2,18 da UE, e o gasto por habitante sitúase en 2021 en 232,6 euros, moi por debaixo dos 328,6 da media estatal.

Atracción de talento

Leticia Gallego propón unha batería de medidas para frear a fuga de cerebros, que pasan pola redución de cargas administrativas na carreira científica, afianzar a carreira profesional de científicos mozos, habilitando o acceso a unha praza fixa logo de rematar o itinerario posdoutoral. Propón tamén consolidar unha carreira pública estable e previsible para o persoal técnico e investigador equiparable aos países máis avanzados.

A parlamentaria socialista urxe ao goberno galego a amosar un compromiso real con verdadeiras axudas para a contratación de persoal investigador no sector privado, así como un plan de retención de talento en colaboración co tecido empresarial e as tres universidades galegas. Finalmente, propón o incremento do orzamento dos programas para impulsar a innovación das Pemes galegas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario