O ciclo de concertos de bandas de música populares que se veu desenvolvendo dende comezos de agosto en Compostela, remata hoxe domingo 3 de setembro coa actuación da BANDA SINFÓNICA GALEGA, ás 19.30 h no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela).
Organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares co apoio de Turismo de Galicia, ofrecerá un interesante programa musical formado por obras orixinais para banda compostas neste século XXI e que se basean en músicas clásicas ou folclóricas máis antigas pero cunha visión renovada.
O concerto correrá a cargo de 63 músicos dirixidos polo mestre David Fiuza e pertencentes a 30 bandas de música populares galegas que estiveron a longo desta semana realizando unha concentración en Ourense na que estudar e ensaiar o programa que interpretarán na Cidade da Cultura.
Esta actuación poñerá o peche ao ciclo «Música no Camiño» que busca dar a coñecer a labor social, cultural e formativa das bandas populares e a enorme tradición existente en Galicia entre turistas, peregrinos e público.
HORA DO CONCERTO: 19.30 h.
ENTRADA DE BALDE
PLANTA -1, MUSEO CENTRO GAIÁS (CIDADE DA CULTURA)