Rematan as obras de ampliación da pasarela peonil entre Pedralonga e o colexio Santa María del Mar

por Redacción A Coruña

O Concello da Coruña, a través da área municipal de Economía e Planificación Urbana, rematou recentemente os traballos de instalación da nova estrutura metálica que amplía a superficie da pasarela que conecta o lugar de Pedralonga coa contorna do centro educativo Santa María del Mar, mellorando a accesibilidade peonil no treito comprendido entre a senda do lugar de Pedralonga e a avenida da Pasaxe

Anteriormente, o acceso peonil entre o carreiro e a beirarrúa esquerda da avenida só estaba habilitado a través dunhas escaleiras, lindeiras á marquesiña de autobús urbano e próximas á pasarela. Por este motivo, e co obxectivo de solucionar esta problemática de accesibilidade, levouse a cabo o aproveitamento do noiro situado na parte traseira da marquesiña, onde xa se completaron anteriormente os traballos necesarios de escavación e cimentación, previos á instalación do novo treito de pasarela, de 16,50 metros de longo.

Neste novo treito, que facilita o acceso directo á pasarela orixinal ás persoas con mobilidade reducida, o servizo municipal de Infraestruturas habilitou un sistema de protección peonil mediante a disposición de varandas de barras metálicas que, bordeando a superficie de paso, permite un reforzo na seguridade das persoas usuarias. Os últimos detalles desta intervención ultimáronse durante o pasado mes de agosto.

Ademais, na zona de acceso desde a senda de Pedralonga ao novo treito da pasarela dispúxose un pavimento de formigón con baldosa podotáctil, en relevo, para facilitar a orientación das persoas invidentes.

Desta forma, o Goberno de Inés Rey avanza no seu plan de medidas para mellorar a accesibilidade, barrio a barrio, dos espazos públicos para o seu uso peonil, con especial atención ás persoas con mobilidade reducida.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario