Nicole Grueira: “É moi enriquecedor ter a oportunidade de coñecer de primeira man as institucións europeas e o seu funcionamento e tratar temas de relevancia para Europa que tamén afectan a Galicia”
Oito mozos e mozas das catro provincias galegas representan estes días ao Partido Popular de Galicia na segunda edición da Semana Europea da Xuventude organizada polo Partido Popular Europeo en Bruxelas.
Entre os 800 mozos e mozas de entre 18 e 35 anos procedentes de toda a Unión Europea que desde o luns e ata este xoves participan neste evento atópanse Manuel Alexandre Novoa, presidente de NNXX de Ourense Cidade; Nicole Grueira, voceira do PP en Pol; Nacho Campo, voceiro do PP en Maside; Sara Ruiz, membro da candidatura do PP de Lugo ao Senado nas eleccións xerais; e Carlos San Claudio, concelleiro do PP na Coruña.
Co eurodeputado Francisco Millán Mon como anfitrión, completan a delegación galega Gabriel Rodríguez Leva, Adriana Rodríguez Novo e Nerea Porto.
Nicole Grueira considera que “é moi enriquecedor ter a oportunidade de coñecer de primeira man as institucións europeas e o seu funcionamento e tratar temas de relevancia para a Unión Europea que tamén afectan a Galicia”.
Nos mesmos termos, Carlos San Claudio destaca a conveniencia de “intercambiar coñecemento entre persoas procedentes de tantos países e traer ese coñecemento a Galicia”. E, neste sentido, destacou o debate que tivo lugar onte sobre intelixencia artificial: “É fundamental conxugar o desenvolvemento económico coas novas tecnoloxías e especialmente na Coruña, que será a sede da AESIA”.
Pola súa banda, Millán Mon resaltou que a presenza de oito participantes galegos na Semana Europea da Xuventude é un feito que denota o firme compromiso da mocidade galega co futuro da Unión Europea: “É moi importante seguir inculcando nos nosos mozos e mozas a importancia desta unión e os valores de democracia, xustiza e igualdade que a sustentan”.
“Confío que despois desta semana os participantes leven coñecementos e experiencias moi útiles para o seu futuro. Os mozos son o futuro e polo tanto teñen que coñecer o funcionamento da Unión Europea e ser conscientes da importancia e o impacto que ten nas súas vidas. Desde o Partido Popular somos conscientes diso e por iso organizamos estas xornadas, co obxectivo de que a mocidade coñeza Europa sobre o terreo, de primeira man”, engadiu.
No marco destas xornadas, os participantes teñen a oportunidade de expoñer as súas ideas e dar voz ás prioridades e esperanzas da xuventude para o futuro da Unión Europea en diversos debates e grupos de traballo sobre economía, emprego, política exterior, seguridade, medio ambiente, agricultura ou reto demográfico con políticos clave a nivel europeo como os comisarios Margaritis Schinas ou Valdis Dombroviskis e varios eurodeputados do Grupo Popular.
A sesión inaugural contou con Roberta Metsola, presidenta do Parlamento Europeo; Manfred Weber, presidente do Grupo Parlamentario Popular e do Partido Popular Europeo; ademais das eurodeputadas Eva Maydell e Lidia Pereira.