O avance do último informe climatolóxico de Meteogalicia conclúe que tanto as temperaturas máximas como as mínimas foron máis altas do agardado, rexistrando uns valores medios de 26,3 ºC e 14,1 ºC, respectivamente
Este último mes de agosto quedou caracterizado pola variabilidade meteorolóxica e polo predominio das situacións anticiclónicas, sendo dúas delas responsables da chegada dunha masa de aire cálida de orixe norteafricana que ocasionou os episodios de calor vividos entre as xornadas dos días 7 e 9 e tamén na do 21, nas que as temperaturas chegaron a superar os 40 ºC en puntos do interior da Comunidade.
Así, en liñas xerais, a temperatura media foi máis alta do agardado. Aínda que se rexistraron dous episodios fríos a comezos e finais de mes, no medio houbo moitos días de normalidade que, xunto cos dous capítulos de calor anteriormente mencionados, puideron compensalos ata o punto de resultar nuns valores medios lixeiramente por riba do habitual.
Máis polo miúdo, as máximas no mes de agosto oscilaron, de media, os 26,3 ºC, aínda que chegaron a rexistrarse valores por riba dos 33 ºC. Concretamente, nas ribeiras do Sil, no Miño ourensá e na comarca de Verín. Para o caso das mínimas, a media, tamén por riba do previsto, foi de 14,1 ºC. Os valores máis baixos rexistráronse na Serra de Queixa e na comarca da Limia, acadándose localmente o 8,3 ºC.
En relación ás precipitacións, o informe conclúe que o seu comportamento foi normal. Así, a precipitación media acumulada foi de 32 l/m2, sendo o norte da Coruña e noroeste de Pontevedra as zonas con acumulados máis elevados; arredor dos 90 l/m2. Pola contra, os valores máis baixos rexistráronse na Terra de Lemos e, especialmente, no sueste de Ourense, onde algunhas áreas non recolleron chuvias en todo o mes.
Deste xeito, en termos xerais, a anomalía media das precipitacións para o mes de agosto foi un 29% inferior ao valor climático habitual, un dato que, tendo en conta as variacións habituais neste mes, é considerado como normal.