Os populares lamentan que mentres outras cidades presentan proxectos de recuperación de barrios, en Lugo deixan pasar esta oportunidade para mellorar vivendas e edificios en barrios degradados
O concelleiro Ramón Cabarcos explicou que “o que está facendo agora o bipatito nesta zona é unha actuación superficial, un pinta e colorea que non profundiza, nin soluciona os problemas do Carme”.
Dende o PP propoñen levar a cabo un planeamento novo reordenando o Carme xa que “tal e como está arestora é unha zona inmobilizada, non é un lugar atractivo para o investimento” engadindo que “se non reaccionamos en 2027, cando acabe este mandato, seguirá todo igual”.
A proposta do PP para a rexeneración do barrio do Carme supón a modificación do PXOM para redeseñar as disposicións do PERI – 6 e fixar un coeficiente de edificabilidade delimitando os espazos destinados a aproveitamento residencial, así como os espazos destinados a outros usos.
En definitiva o que necesita este barrio é favorecer as obras de habitación residencial cos informes necesarios e resolver as zonas que quedan nos límites do plan especial (Poeta Noriega Varela e traseiras da Rúa Santiago) así como favorecer a implantación de novas actividades.
Os populares aseguran que “esta intervención urbanística debe ir acompañada dun plan de dinamización: se queremos incentivar a recuperación de barrios emblemáticos de Lugo hai que ofrecer seguridade xuridica e axilidade nas tramitacións”.